Amosando publicacións coa etiqueta rarezas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta rarezas. Amosar todas as publicacións

17/06/12

Lonxe das árbores, cinema clandestino






Documental de Jacinto Esteva en que se fai unha colaxe arrepiante dalgúns costumes ancestrais populares do "pueblo español". Dou fé de que moitos aínda están vixentes e non precisamente os máis amables. 
Galicia aparece macabramente representada na romaría do Corpiño e na procesión dos cadaleitos. 
Estes minutos que capturamos en youtube reproducen un fragmento final absolutamente delirante, case chega aos tintes oníricos, que con tanta gracia se poden encontrar na Barcelona canalla dos barrios vellos.   
Todo o documental rebosa fanatismo, desmesura, ignorancia programada e miseria colectivizada. As escenas de monxas de clausura nun convento de Castilla parecen extraídas dun pesadelo de Buñuel. A carreira de burros esfameados de Málaga é toda unha proposta revolucionaria do que debe ser unha competición: gaña o último: pobres burros!
Neste retablo tamén hai propostas escénicas memorables como o baile singular e intransferible de Antonio Gades a capela no estudio sen máis público que o que lle depare o destino nin maís megafonía que a do momento. Tamén aparecen escenas da festa da gran Coca de Redondela e o baile das Penlas en que se celebra o triúnfo da vida sobre o horror.

Pódese ver unha reseña en Naranjas de Hiroshima

Pódese ver o documental completo en Humyo pero con graves problemas de son.

Os enlaces para ver on line este retablo de barbaridades están todos obsoletos e na maioría dos que están operativos o arquivo desapareceu. Eu optei por descargalo na miña computadora e puiden velo completo cun son aceptable.Tentei  colgalo neste caderno, pero dime que pesa de máis. Tentei desacargalo completo en youtube para capturalo de aí, pero youtube dixo que nanai. Pregúntome que carallo pasa....non hai resposta. Estará maldito? Non me estraña, lonxe das árbores .......a insolación é feroz!

A arte de danzar sobre o abismo: para ler.






10/04/12

Saudade / Nostalghia de Andrei Tarkovsky - 1983 (sub. castelán)



Agradecementos múltiples a quen está verquendo todo isto a unha lingua asequible para nós.

" El castellano es una lengua loable hable quien lo hable" ....e o galego tamén! Como me gustan as películas políglotas!

10/12/11

MÁIS ALÁ




Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro


Manifesto "Máis alá" (1922)













I

Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosaTerra.


Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.Case todos eles tencionan arrecadar adeptos para algún novo ismo que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a.Lieratura. Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacable contra os vellos.


Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respectar aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa inhábil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe. Esta gafuara, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrópole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgracia que non só non fan iso senón que aínda teñen o pretendemento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo.


Non é que nós adoezamos do tan extendido andacio de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás Juventudes doutras terras. É que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e ameázanos o contaixo do pobo se non se atalla o mal. Este contaxio arrepiante será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ó acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibilidade os nosos prestixos literarios.
Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (miudean os movementos nacionalistas que comenzan polo arredismo artístico) chegaremos a coidar senón fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdente na Galicia se non se consegue un troque radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar cos pés atados o tratar de libertarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior.


Os nosos poetas, dende os precursores ata os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada aos catro ventos, sería o verdadeiro comenzo da loita xeral galeguista. Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo, da ignorancia, do renunciamento á vida e á dignidade, cómpre anulalo antes que no terreo polítio-social, no senso estético.
Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nós mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo impor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e ceibista. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choído e ateigado dunha declamatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplexo e depurado que coide ver neles a alma da raza. Mentres que tódalas culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acá, mausoleos de escuridade encol dese xeito de mortos en vida, que espectáculo é o que damos en Galicia? Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza. Mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cicelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas,unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para retábulo dos tempos.


Diciamos no comenzo que respetabamos os devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respeto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. 0 noso respecto vén de que eles non tiveron culpa de vivir nun tempo de choída incultura castelá.
Inda que nos esforzaramos por atopar algo de bo nos precursores, o noso traballo sería infructuoso. Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ese interese en converter o galego na fala intérprete de tódalas indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioria dos "mestres" menores. Nin a baldeirez verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros. Non podemos prestar a nosa louvanza á socorrida e ridícula "posse" do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptible eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica. 0 herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado.

II


Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Mestre: Chamámoslle mestre por ser vostede o "mestre" da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa covardía do débil tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte. Non tería o seu nome acolleita nestas liñas se quixeramos tan só chamarlle aquilo. Pero ten que ser ó falar dese fato de cabezas ocas, nenos "foulard e de rubi", engaiolados polo innegable prestigio da prosa e da ridícula mentira dunha epopeia aventureira que vostede, unha e outra, falsifican. Sabemos que con intermedios himnarios ó Gran Pontifice da baldeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón ...) entran a estrago pola fala meseteira, con gran desprestixio dela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para "alá". Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.
Agora, o que quixeramos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepía o pensamento de que eles se coidasen chamados por estas nosas verbas de mocidade e chegase algún a desertar de la "lengua de Cervantes" para vir a baldeirar na nosa Fala as produccións do seu serrín encefálico. Esto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita mellor sorte. E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira fofia dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desiderátum voso, Madrid precísavos para personaxes da súa opereta


Hai os que teñén algún valor e desménteno expresándose en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Extranxeira por extranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta. Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora. Hai os dunha certa clase derradeira, dos cales abonda con... non falar deles.

III


Despois de ter dito que non traemos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estamos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.
Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros caminos poden ser nosos. A Novidade que enxerguemos é tan só un arredamento, un ceibamento do pasado sen a definición da súa resultanza: isto é arbitrariamente persoal. E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos "movementos" literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son un negamento non só do pasado se nón de tódolos tempos e tódalas cousas, dende o bo gusto ata a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, coa anárquica dilema individual.


Tamén nós temos, inda que noutra orde, os nosos imperativos, e comenzamos pola máis agresiva intrasixencia na Fala. Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que a emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete uchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorables posibilidades porque o seu estado ceibe permitiralle axeitarse a tódalas navidades, a tódolos variamentos porviristas que tome o noso gusto. E consentiralle o seu indelineamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento do artista e non el escravo dela. Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio. Esta nosa exaltación do Verbo tamén quere dicir algo ós vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbrido, bilingües queremos dicir, que fan da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quere dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán para cando coidan ("eles") que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprecio que sentimos por eles.


Arrenegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a excusar a nosa sinceridade,que é sagra porque é a nosa vida e debemos espertala a non ser desleigados a nos mesmos. Arrenegamos da Lei e do Costume. Cada importa alleeira vén roubarlle á nosa mocidade unha á. Arrenegamos dos temas obrigados. É vergoñoso falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. 0 pranto e a elexía, fixeron coidar ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Galega gardemos os nosos cantos patrióticos para o día en que deamos ao vento a súa Bandeira e non poidan ser testigos da cobardía e da mansedume. A literatura paisaxista ó xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués é a maior caloña da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada. Arrenegamos de toda imitanza. A dos vellos en nome da Vida; a dos nosos en nome da Novidade.

Individualismo

Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.

IV


Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.Se queredes libertarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!

Fonte : Mil primaveras máis (Roberto Abalde)


Luís Seoane: Os tres soles de Galicia
in


25/09/11

MEDICACIÓN PARA PESIMISTAS / F. NIETZSCHE

Quéixaste de que nada che presta?
Amólante, meu amigo, aínda os vellos mosquitos?
Síntote renegar, que montas balbordo, que cospes...
Veña, home. Libremente decídete
a engulir un groso sapiño
sen pensalo e sen miralo







mundo ao revés


caixadepandora: PERIGO!!!!!!!!

La caverna: Disturbia


Iso axudará a túa dispepsia!  

F. NIETZSCHE: Cancións do príncipe,
Poemas en torno ao gai saber  








                                 

21/07/11

NOVAS DA NASA

Proxecto cooperativo en acción: @rrobaliza

1ª e 2ª fases: detección e exploración de erros preliminares






Enxeño bioprogramado que aterrizou esta mañá
á porta da miña casa. Negouse a facilitar ningunha
información que non estivese contrastada polas cadeas
telepáticas da redegaláctica. Prometeu solemnemente
que non mentía. Eu non lle dixen que si nin que non.




encontros na 3ª fase
primeiro contacto
para a verdificación
da linguaxe
materia pendentepara setembro:
sistematizar e redactar
mesmo fusilar
calquera tese
sobre a importancia transcendental
das coles
e dos pementos
queríamos dicir
das cores e dos pigmentos

A VER










07/07/11

VIGOLEGO / XEOMETRÍA LÍQUIDA







ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS




RADIOGRAFÍA DA CIDADE




Na radiografía da cidade, no seu esquelete, están tamén as sombras 
fuxidías dos seus habitantes, transparentados sobre o muro como presencias  irreais. Sombras que se desprazan sobre o muro de pedra e logo desaparecen para deixar só un breve rastro, un ronsel, por riba da presencia pétrea.


A cidade é unha esvástica que devora os seus habitantes nunha espiral de enerxía centrífuga. Sepulta o seu tempo cunha grande mancha que se despraza en horizontal.


Liñas labirínticas e puntos discontínuos para o trazado dunha cidade anónima, unha cidade xenérica que converte os seus habitantes en sombras esvaídas, siluetas borrosas, mero tránsito.




ANTÓN PATIÑO: Xeometría líquida, Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 1993.










Mapa ingrávido 2003




  ¡TERRIBLE!: ¡Mandril ya tiene su propio macro balneario urbano! 

24/05/11

VUELO SEISIENTOSINCO

http://vimeo.com/3493652



sen palabras?
diso nada...

se cadra, os que somos rariños,
é que estamos exiliados neste pequeno globo da galaxia
verdiazul que chamamos Terra
Acolledora

que somos fuxidos
do planetaperfectoeaburrido
dos megavogóns

e por iso nos levamos tan ben
e rimos tanto
porque no fondo
sabemos sen sabelo exactamente
que somos moi afortunados
de que nos guindasen 
fóra da cinta transportadora 
intergaláctica
neste planetiña cheo de feridas
e imprevisible
coma nós

estamos seguros
que coa nosa capacidade de discordancia
alleos á cadea programada da galaxia
saberemos fabricar toneladas de tiritas
de todas as cores
para compór con elas
unha colaxe terpéutica
chea de toques persoais
e detalliños 
cósmicos
para celebrar 
que estamos vivos
nun momento activo
de gloria

non deixaremos que os normaliños
nos chimpen de novo fóra

&




26/04/11

COAS MULLERES NON SE PODA


tradutores (tr.)

dou as grazas ás estrelas polos tradutores. a crema do planeta. eu son totalmente inútil. o espeso ar que me rodea tamén me suxeita. mantén o meu pelo liso. selo pel caveira gorra. xiz cerebro molde. o desexo de…viaxar. colleu forza, complicacións gástricas etc. rochas de enfermidade e escoura. máis que lixeiramente parasitaria. a máis dura cola albuminoide. como eses pares de magnéticos terriers escoceses que se mercan nas máquinas automáticas. cadeliños magnetizados movéndose á vez. case bambeando, sempre siameses pegados no último momento.

as follas das pingas de suor violeta africanas. refinamento veneciano. o pelícano. os bambara. os dogon. oh! As 2:49 un pouco de música soul. non hai como a música soul. deus beixe o atormentado marvin gaye. o milagro da motown. precisión de majorette. canta negro canta canta.

ola. a chuvia nocturna. como agromou pelo das beirarrúas (molladas). medrou moi rápido como a marabillosa planta de florida. longa e ondeante. facíalle falta un bo peiteado

como todas as palabras. escritas. americanas. ve todas as palabras como amputadas. sen brazos. brazos coas mans nos cadrís. brazos invisibles que morren porque os vexan. por saudar. fuxida espacial. árabe coloquial

que liña extendida de deserto infinito. aí sentados 30 árabes. en roupas brancas. abriron a súas bocas e empezaron a cantar. muzak alxebraico. primeiro caeron os cubos de neón. disney do deserto animado. o canto canto desenliándose gradualmente. o neón vertical arrastrándose pola area. formando outeiros chepa dunas fonte segundo o ton etc. pronto se retiraron os árabes. pero a voz ficou e seguiu viaxando. como brazos amorosos apertou a terra. brazaletes de saturno. estrela errante. harmonía perfecta. ja ja je je

II

físico final atómico. ta-ta. Ta-ta. tata tata caca. come a miña merda. eu comerei a túa. comerei a túa merda. tata. ta-ta deserto-gobi. deus fervido. sol ardente brillante colo vermello. ouro pega asesta ao teu brando. tata ta-yogo. forma de paxaro. a porta: unha estrutura xeométrica. a aparición dun albino. cos ollos cor grana. cos ollos radiantes de amor. trasvase de fluídos. luz. trevo. ta-ta accidente de coche ta-ta herba enxoiada radio solar ta-ta. todo lingual. todo toda todda todd a. ta la ta xa ta na. non sabe. ninguén. un sabe. ninguén sabe

III

a paisaxe móvese


Patti Smith: Un lume de orixe descoñecida. Colección de escritos 1970-1979

   


                                                            horses



nota a pé de entrada: hoxe, 26 de abril, hai 25 anos que estoupou o reactor da central nuclear de Chernobil provocando o que ata agora se considerou o accidente nuclear máis grave da historia(iso se o último accidente de Xapón non bateu o triste récord)


 Lembro perfectamente ese día. Os nenos na escola estaban histéricos; non entendían, pobriños, que estaba sucedendo. Custoume moito encontrar palabras e xestos tranquilizadores. Quixen abrazalos a todos.


Anos máis tarde enteireime que a nube radioactiva deu varias veces a volta ao mundo. Na Costa da Morte desapareceron bosques enteiros de piñeiros marítimos (pequenos e moi retorcidos polo vento) dos que apenas sobrevive algún exemplar. As árbores secaron como se  as queimasen sen lume. Alí quedaron mortas, de pé.


 As últimas imaxes que vin de Pripiat, a cidade pantasma evacuada tras o accidente, son estremecedoras. A vexetación campa ás súas anchas dentro e fóra dos edificios. É frecuente a presencia de animais salvaxes entre os restos do que queda en pé.
Algunha xente volveu e está empezando a cultivar de novo. Sábese que algúns campesiños das inmediacións nunca marcharon. Será este un avance, unha prospección, do que nos depara o futuro?














DESPOIS DO MISIL VOLVEREMOS AO CANDIL (dixo Aurora, e eu tamén)

11/04/11

QUE REMEDIO!

CEBOLANXA!

1. Indicado para curar as febres intermitentes
2. Consúmase con pel e todo
3. Para que faga o efecto desexado, fálese primeiro co híbrido, pedíndolle desculpas por facelo mudar tan bruscamente de estado. Consóleo asegurándolle que se vai atopar moi a gusto no novo arganismo que está a piques de devoralo.
4. Consuma este producto sentado, pois é de sobra coñecido o efecto hipotensor da cebola en organismos pouco acostumados. A combinación coa laranxa non mitiga o risco de patatús.
5. Efectos secundarios: descoñecidos. Se alguén nota algo raro, póñase en contacto.
6. O producto carece de data de caducidade. Durará ,correctamente pechado, bastante máis que unha historia de amor normal entre humanos limitados.
7. Unha vez aberto procédase ao seu consumo inmediato. Os aceites etéreos volatilízanse ao momento e o resto de nutrintes non tardan en oxidarse.
8. Se lle vai ben, recoméndeo ás súas máis fieles amizades.
9. Este producto non estará ao seu dispór á venda en ningún supermercado


BOA NOITE, E BOA SORTE!

20/03/11

José Val del Omar - Acariño Galaico 1/3







guerra al miedo y a la mierda!



TALLADAS

estás nunha praia
ti e máis xente
é case noite
a praia é pequena
ten forma de cuncha e moitos penedos
caes na conta  que chegastes alí fuxindo de algo
sodes un grupo de fuxidos


soa un teléfono 
incrustado nunha das rochas
que a marea baixa deixou en seco
descolgas e alguén che fala


diche que tendes que liscar de maneira rápida e clara
unha patrulla saiu buscarvos e segue  o voso rastro


dáslle as grazas por avisar
a voz descoñecida ten algo familiar
a maneira de enfiar as palabras
antes de colgar preguntas con quen falas
a voz contesta: con ninguén,
escapa!













03/03/11

ASÍ FALOU MARÍA SABINA

Cántico ancestral oral


Son a muller que soa nacín
son a muller que soa caín
son a muller que agarda
son a muller que examina
son a muller que mira cara adentro
son a muller que busca debaixo da auga
son a nadadora sagrada
porque podo nadar no grandioso


Son a muller lúa
son a muller que voa
son a muller aerolito
son a muller constelación guarache
son a muller constelación bastón
son a muller estrela......dios
porque veño percorrendo os lugares
dende a súa orixe
son a muller da brisa
son a muller rosada fresca
son a muller da alba
son a muller solpór
son a muller que agroma
son a muller arrincada
son a muller que chora
son a muller que chifla
son a muller que fai soar
son a muller tamborista
son a muller trompetista
son a muller violinista
son a muller que alegra
porque son a pallasa sagrada

son a muller pedra de sol
son a muller luz de día
son a muller que fai mudar
son a muller do céo
son a muller de ben
son a muller pura
son a muller espírito
porque podo entrar e podo saír no reino da morte

son a muller que chucha
son a muller que limpa
son a muller que cura
son a muller herbeira
son a muller sabia en linguaxe
porque son a muller sabia en medicina

non sei en que ano nacín
pero a miña nai, Mª Concepción, díxome
que foi unha mañá do día en que se celebra a virxe Madanela

ningún dos meus antepasados coñeceu a súa idade

O lugar en que agora vivo chámase Cerro Fortín, arriba do barrio misteco, dende onde pode verse alá abaixo a pequena poboación de Guathla. Non coñecín ben o meu pai, pois cando eu tiña tres anos e a miña irmá Mª Ana catro ou cinco, el morreu. Nin os feiticeiros, nin os curandeiros, nin os sabios puideron sandalo. Pobre. Morreu convertido en guajolote porque morreu cheo de grans no pescozo. A miña irmá e máis eu fomos as únicas dúas fillas do nosos pais. Sufrimos moito porque non tiñamos nada, só fame, só frío. Creo que a nosa vontade de vivir era moi grande, máis grande que a vontade de moitos homes. A vontade de vivir mantíñanos loitando día con día para finalmente conseguir algún bocado que aliviase a fame que tiñamos.

Fumemos cigarro e fumemos o corazón de deus!
Sei tomar cervexa e fumar cigarro.
Sei tomar cervexa, sei tomar café e sei fumar cigarro

Vivo porque sei traballar
por iso cheguei a vella
semento millo
se hai feixóns para comer é polas miñas mans
porque traballo para mercar cervexas e cigarro
traballo dende o mencer

Vou polo mundo sen nada
ata fun mordida nun brazo.
Xa quixera subir ao máis alto da montaña e berrar
onde quedou aquilo? Lástima de min!

Mª Ana e máis eu coidabamos no monte as nosas galiñas para que non fosen vítimas de gabiáns e raposos. Un día, estabamos sentadas baixo unha árbore cando puiden ver ao alcance da man varios fungos. Lembro que os avós falaban destes fungos con gran respecto. Chamábanos cousiñas ou santos. Eu chámoos nenos santos. Levei os fungos á boca e masqueinos. O seu sabor non era agradable. Polo contrerio, eran amargos, con sabor a raíz, a terra. A miña irmá Mª Ana, observándome fioxera o mesmo. Despois de comermos os fungos sentiámonos mareadas como se estivesemos borrachiñas e empezamos a chorar. Máis tarde sentiámonos ben, sentiamos que os fungos nos falaban, oiamos unha voz, unha voz que viña do outro mundo. Era unha voz doce, pero autoritaria á vez, como a voz dun pai que quere os fillos pero críaos con forza. Eu sentín que todo o que me rodeaba era deus. Sentía que eu falaba moito, e que as miñas palabras eran fermosas. Tempo despois souben que os funfos daban sabedoría, que curaban enfermidades e que a nosa xente había moitísimos anos que os tomaban, que teñen poder, que eran o sangue de cristo. Aos nenos santos hai que terlles respecto. As persoas que apañan os nenos santos deben estar limpos de corpo e de espírito, non deben ter contacto sexual, non deben asistir aos velorios para non contaminarse do ar impuro dos mortos.

Un día miña nai, sen consultarme, ordenoume xuntar a miña roupa dicindo que a partir dese momento xa non lles pertencía máis. Agora pertences a este rapaz que será o teu home. Vai con el, aténdeo ben. Xa es unha mulleriña. Así é o costume. Eu tería 14 anos. Nos primeiros días da miña nova vida, sentín medo porque non sabía o que pasaba. Máis tarde resigneime. Co paso do tempo quíxenlle abondo ao meu home. Chamábase Serapio Martínez. Era un chaval de vinte anos. Con orgullo podo dicir que sabía ler e escribir. Adicábase ao comercio da fiacha vermella e negra que se usa para bordar os bipiles que vestimos as mulleres. Tiven marido durante seis anos. Ao igual ca a miña nai, enviuvei ao vinte anos de idade. Con serapio tiven tres fillos: Catarino, Bibiana e Apolonia. Nunca comín os nenos santos mentres vivín con Serapio. De acordo coas nosas crenzas, a muller que cura non debe ter tratos cos homes. Os que van desvelarse non deben ter trato sexual durante catro días antes e catro días despois da velada. A condición debe cumprirse fielmente. Doce anos despois de quedar viúva, un home chamado Marcial Carrera empezou a pretenderme. En realidade, eu non tiña necesidade de ter home, pois eu sabía manterme por min mesma. Eu sabía traballar. Marcial Carrera insistía, pasaron os días, eu pensábao. Era un pretendente, non semellaba home de traballo. É máis, tiña fama de desobrigado e borracho. Pero á fin, accedín. Puxen as miñas condicións. Se Marcial quería muller, el debía vir á miña casa; porque non ía mudar a miña nai, os meus fillos, o meu petate, as miñas potas, os meus sachos e os meus paquetes á súa casa. Arreábame con frecuencia e facíame chorar. Non lle gustaba traballar no campo. Nos trece anos que vivín con Marcial tiven seis fillos. Morreron todos, só sobreviviu a miña filla Aurora. Os meus fillos morreron de enfermidade ou asasinato. A Marcial, ao igual que ao meu primeiro marido, Serapio, gustábanlles as mulleres. Os fillos dunha señora con quen tiña relacións golpeárono e ferírono con machete. Bañado en sangue, morreu tirado no camiño.

O ter quedado viúva de segunda volta facilitou que me decidise enfrontar o meu destino. O destino que se me fixara dende antes de nacer. Ser sabia. O meu destino era curar. Curar coa linguaxe dos nenos santos. Pero algo me detiña, como se fose medo de entregarse un ao que foi destinado.

Os nenos santos fálanme, aconséllanme. Dinme como debo sandar os enfermos e apréndenme a linguaxe que falo nas veladas. E toda a miña linguaxe está no libro que me foi dado.

Son a que le,
son a intérprete
ese é o meu privilexio. A xente vén a min para que cure os seus enfermos. Veñen en busca de curación os que foron enmeigados por trasnos, os que perderon o espírito por un susto no monte, no río ou no camiño. Por iso pregunto aos enfermos, o día que te mancaches, onde foi?, que pasou?, non sentías que o teu corpo non tiña espírito? que o teu corpo ía baleiro?. Ou nos teus soños, a que lugares chegas?

Cando durmimos o espírito vaga ceibe, vai onde quere ir. O espírito convértese en zacuache, en tigre ou en zopilote. Convertido en animal, o espírito viaxa a lonxanos lugares, o espírito regresa cando acordamos.

Os nenos santos curan as chagas, as feridas do espírito,
o espírito é o que enferma,
os fungos tómanse de noite
para iso celébrase a velada.

Antes de iniciar a velada, pregunto o nome do enfermo. Mª Roberta, veciña e amiga, queimou o pé con auga fervendo. Se o enfermo non me di a verdadeira causa do seu mal,eu adivíñoo. As miñas palabras obrigan a maldade a saír, as miñas palabras obrigan a erguerse aos difuntos

Inicio a cerimonia fronte as imaxes dos santos. O enfermo e máis eu comemos algúns pares de fungos. Ás veces persoas que están presentes tamén toman os seus pares. Déixome levar. Non opoño resistencia e caio nun pozo profundo, interminable. Sinto unha especie de vertixe. Cando os nenos santos traballan dentro do meu corpo fálolles. Pídolles o favor, que nos bendigan, que nos amosen o camiño, a verdade, a curación. Que nos dean o poder de rastrear as pegadas do mal para acabar con el. Dígolles aos fungos " o teu sangue tomarei, o teu corazón tomareiporque a miña conciencia é pura como a túa
porque en min non hai bruxaría
non hai cólera
non hai mentira
porque non teño lixo, porque estou limpa,
non teño po.

Son a muller que nada no sagrado
Muller águia dona son
Muller gabián dona son
Muller thacuache dona son 
Muller thacuache sagrada son
Es gran? es pruído? es cambra?
Son a muller reloxo
porque ti tes o teu reloxo
son  a muller que mira dentro
a  muller que examina
Fala, para iso estás aquí.
Xa non aguanta o meu corazón. Vou cansa.

A miña filla Apolonia axúdame a rezar ou a repetir a miña linguaxe durante as veladas. Fala e di o que sabe. Home sagrado de casa e de sombra. María Sabiniña. 
Camiño dos teus pasos, dos teus pés. 
No camiño das túas mans, Mª Sabina. 
Ata debaixo das túas mans e dos teus pés. 
Ata debaixo dos teus ollos e da túa boca. 
Ata debaixo das túas pegadas e das túas unllas.
Ata debaixo do teu bastón.
Estrela cruz
estrela grande
Nai de leite e rosada fresca
Nai de leite e de peitos.
Ata debaixo das túas mans e dos teus pés.

Muller gabián dona son
Muller águia dona son
Como foi que naceu?
Como foi que caeu?
Tiremos e reguemos por todos lados.
Xunto á túa lareira
Xunto as pedras da túa lareira, co noso san pedro, cos nosos santos está Mª Roberta.
Alí na túa lareira
nas pedras da túa lareira.
Alí dentro da túa casa, dentro da túa sombra.
Muller de traballo, muller de cariño.
Muller de auga salgada
Muller de suor
Muller marchante.
Como foi que veu esta enfermidade?
Di: como foi que esto sucedeu?


Para min non é un xogo facer veladas.

Nas veladas pídenselle favores ao señor das montañas, dos ríos e dos mananciais.
El ten o poder para dar cos espíritos pero tamén sabe sandar as enfermidades se se lle pide
ofértaselle baixo lote de galiñas a cambio de que devolva os espíritos que levou, págaselle con cacao, ovos, copal e pluma.

Sabio en linguaxe, sabio en todo
13 pantalóns, 13 camisolas

nome de 13 pantalóns

pobre de ti
pouco a pouco sandarás
pouco a pouco sandará o meu corpo
é certo o que di a linguaxe
non estás doente, Mª Roberta.

Si, estou conforme
guerra á enfermidade!
vén cos xenerais e cabos
sarxento! comandante!
Teño os meus 13 xenerais
Raimundo, non é?
Veño con todos
traio os meus trece gabiáns.
Cantos sexan. Teño moitos tlacuaches.
Home, home, home
veño con 13 xenerais
sei beber e sei fumar
pero isto
muller de guerras! mira
non é sabio calquera
como é que son a muller sabia?
ausculto e examino
ladra o can policía
Xesús Cristo! miren agora.


Síntome máis aliviada, xa está ben para min.
Aínda che falta! Agora fala ti.
Para isto nos saudamos hoxe
que inmensa marabilla é esta!
Que inmensa marabilla!


Tiven problemas.
Recibín golpes, e mesmo dúas balas de revólver entraron no meu corpo
cando me interpuxen para que un borracho non puidese asasinar o meu fillo Catarino,
sobrevivín aos ataques que veciños e familiares fixeron contra o meu corpo
chegaron a queimarme a casa e roubáronme o pouco que teño
xa vou vella e enferma
respiro con dificultade, canso moito.
Non falo moito porque a miña boca perdeu algúns dentes e avergóñame ester desdentada.
Pídolle a deus que me bendiga
pido bondade a cada día
pido bondade para o mundo
neste mundo onde tamén hai maldade e discordia
este mundo on de a xente pelexa por calquera cousa

sei que pronto vou morrer
pero estou resignada
morrerei no momento que deus queira
sufrín e sigo sufrindo
sempre fun pobre, pobre vivín e pobre morrerei
coñezo o reino da morte
porque cheguei aí
é un lugar no que non hai nin un mínimo ruído
porque o ruído,por mínimo que sexa, molesta.
Na paz dese reino vexo a deus e a Benito Juárez

MARÍA SABINA

Nota:  falta un fragmento.

14/02/11

SANVALENTÍNTINTIRINTÍN


 A MARTE!


Sabemos que, de cando en vez, xorden entre os seres humanos individuos que semellan exhalar amor do xeito en que o sol emite a súa calor...estas persoas habitualmente están dotadas dun gran potencial creativo... a estes seres que posúen a asombrosa capacidade do amor universal é frecuente que o amor sexual os traia totalmente sen coidado. A razón radica en que, para eles, existe unha relación orótica co mundo exterior que opera entre dito mundo e cada terminación nerviosa dos seus organismos. A totalidade dos seus corpos- psíquica, fisiolóxica e espiritual- é unha zona eróxena. A súa corrente de amor non está canalizada exclusivamente no sistema xenital, como no común dos mortais... Na nosa cultura reprimiuse espectacularmente esta particular expresión de amor , ata darlle a apariencia máis desexable que puidermos maxinar. Como resultado de dous mil anos de represión temos o sexo nos sesos. Non sempre é un lugar adecuado.
As persoas que exudan amor son coma ríos, en todo o sentido da palabra: flúen. E cando conseguen posesións e cousas que lles gustan tenden a entregalas. Canto máis dan, máis reciben. Alguén se decatou que , cando creas un vacío, máis substancias flúen para enchelo?
Alan Watts: O futuro da éxtase. Espectro do amor, 1974

ARQUIVOS ADXUNTOS: