31/07/11

ROTOS E DESCOSIDOS

Mira ti, sen darme conta
permitín que a miña vida
pendese dun fío de palabras moi finiñas
e acumulando
elaborei con elas unha corda resistente
afortunadamente só eran palabras
e nunca chegaron a tensarse abondo
como para aforcarme con elas.


Agora, iso si, puiden atar cabos
e saiu un bambán moi chulo.
Ás veces xogo a bambearme
o xusto para perder a cabeza e os pés
aí suspensa no ar 
o tempo que dura un instante.


O mellor de todo é
que ese artiluxio oscilante
non necesita propulsión externa
e móvoo eu mesma coa miña vontade así:


1. para avanzar cara ao alto
empurro co tronco e as pernas esticadas
fiuhhhhhhh, para arriba!


2. para retroceder
encollo as pernas na baixada
fiahhhhhh, e volvo tomar impulso.


3. de cada volta a altura é maior.


4. chega un momento que a corda léxica chega a pregarse no ar.


5. aí si que xa estou voando


Se saio disparada, non pasa nada. Abro o paracaídas e tomo terra en calquera lado, mesmo enriba dunha silveira ( para espanto de niños de merlos e pequenas serpes que poidan andar por alí)


Ehhhhh, ben. Ás veces chego a casa rabuñada e coa fuselaxe feita unha pena. Entón fago as curas pertinentes con moita paciencia e unha folla de aloe(1), que é a planta de Buda.


Todo isto non impide que ás veces aínda chore, pero tamén é certo que a vida sen bágoas é coma fume sen asado ( o termo imaxinario debémosllo a Cesare Pavesse)


(1) ALOE VERA ou ALOE BRAVO tamén vale, recomendado para todo tipo de lesións cutáneas, incluídos grans, prurito, queimaduras, eczemas, contusións, feridas sangrantes etc, etc. Eu grans non padezo, a miña especialidade son as rabuñaduras autopropinadas polas miñas temerarias exploracións sen control nas zonas liberadas da linguaxe, onde dou con todo tipo de circunstancias lesionantes. Nada grave.










Dei cun bambán caligráfico que se move!



LA BAMBA



11 comentarios:

Anónimo dixo...

Boa maneira de dicilo. E á final isto que será verso ou prosa? Estou seguro que calquera das dúas cousas e as dúas cousas a un tempo. Claro que polo contido tamén pode ser un parte de guerra, un parte de circunstancias en que se produciron as lesións...alguén pode axudarme?

angola dixo...

...un folleto explicativo do valor que poden chegar a ter as palabras...
o que semella cada vez máis claro é que a distinción entre prosa e verso non leva a ningures máis que a macanear un pouco en paralelo coa linguaxe. Xa sabemos que as paralelas son liñas ficticias inventadas polos xeómetras e que á final toda liña converxe, posiblemente nun núcleo parecido ao deste aloe espiral que topei por casualidade.

Anónimo dixo...

Non axuda gran cousa facer a distinción, verdade? Evidentemente un texto non adquire a condición de poético por unha cuestión meramente tipográfica, ten que haber algo máis alá da simple tipografía.
Ao mellor, o concepto de poesía perdeu parte de seu significado ao prescindir do metro e da rima, no verso libre. Ou será que, efectivamente, a poesía está ben enterrada pola vangarda?

angola dixo...

Prescindir do metro e da rima? Imposible! Digamos que se usan doutra maneira, non cronometrada, pero séguense usando, nun caos aparente, pero sen rima, nin medida nin outro tipo de recorrencias non hai poesía. Mesmo a súa carencia ou ausencia deliberada é significativa.
Creo que foi Octavio Paz o autor da definición dun poema como un mecanismo de reloxería. Ou sexa, un sistema perfectamente engrenado de repeticións, sen máis utilidade que a de tirar da emoción, que é todo o contrario do que se oferta na casquería. Podes seguirme?

Anónimo dixo...

...todo o contrario do que se oferta na casquería...
queres dicir, perfectamente inútil para o mercado. Sen utilidade práctica ningunha, aínda que xa sabemos que absolutamente todo acaba sendo absorvido como obxecto de consumo. É certo que é difícil comercializar un poema, refírome a metelo nas grandes avenidas dos hipermercados. A cambio podemos facer deles pequenas baterías para a demolición dos valores dominantes. Que interesante!

angola dixo...

É moito máis que interesante, é apaixoante. Concentrar nun texto unha mensaxe que significa algo pero non, que pon en crise toda a situación comunicativa, todo o contexto, incluído o medio, fabular con capacidade de demolición das coordenadas desde as que se emite, non é un atentado?

Anónimo dixo...

Si que o é. Non sería raro que ante este tipo de propostas pragmáticas algún clarividente te invitase a ir ao siquiatra. E eu digo, pobre siquiatra, ese día tería que suar a gota gorda para cobrar o talón. Gústame abondo esta visión resucitada do poema como explosivo e non sei por que me dá que non é allea a algunhas formulacións da poesía popular.

angola dixo...

Sabes, meu? Conseguín hai moito tempo, nunha librería de vello en París, un libriño con coplas populares da guerra civil, cantadas en ambos bandos. Non ten desperdicio. A óptica de cada bando está perfectamente reflectida en cada composición porque hai moita información implícita agochada entre liñas. Ben, o lindo sería montar un novo cantigueiro sen bandos e a favor da persoa fronte á dinámica anulante do sistema, do establishment, que se empecina en tratarnos coma ovellas e en pecharnos en compartimentos pechados. Daremos feito algo que nos mobilice nesta dirección?

Anónimo dixo...

Pois falta facía. Eu estou ata os collóns de intimismo sicolóxico e fantasmagorías con tis imaxinarios. Creo que empezarei por meterlle un repaso a Celso Emilio, ao máis surrealista e imprevisible, ao antinuclear e despois xa veremos.

angola dixo...

Mola, a min Celso Emilio sempre me deu moita enerxía. Tanto me ten o que digan del por aquí os papaostias. A FRONTEIRA INFINDA é unha gran proposta e as súas innovacións non teñen desperdicio. Non en van é de Celanova como Curros e Ferrín. Os tres grandes protestóns da literatura galega da Galaxia, a que si?

Anónimo dixo...

Claro que si. A longa noite volveuse luminosa e non precisamente a causa das farolas.