Amosando publicacións coa etiqueta Vicente Huidobro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vicente Huidobro. Amosar todas as publicacións

05/07/11

TREMOR DE CÉO / VICENTE HUIDOBRO








O vento abálame dun lado para outro. Abaixo as olladas dos homes átanme ao seu pavor terrestre nunha chaira triste na cal se ve unha casa soa alá lonxe e unha fumareda que tenta erguer a casa ao céo.

A casa do crime endexamais poderá despegarse do seu pedazo de rexión. Sen embargo, a pesar de que o espectáculo agora se puxo bastante lamentable, a noite é máis brillante ca nunca, o céo está petado. E isto para que?

A gorxa da fermosa muller ten a forma dunha canción.

E ela cantará, cantará segura de que eu non hei morrer aínda. Cantará a pesar da estación cumprida, a pesar da noite que roda das montañas, a pesar das dificultades do terreo. Cantará.

E o neno deixará de chorar  sobre o seu pequeno navío branco. E sairá unha estrela finísima enriba da súa testa, ao fondo do cuarto, máis alá das súas almofadas sensibles, nos cons verdadeiros do seu derradeiro soño.

Se cadra, oímos a voz confundida nun canto enorme porque o mar está tendido sobre varias pianolas e ás veces abandónase aos seus propios instintos.

Daquela chega a hora da transfiguración. O mar súa e retórcese dunha íntima dor. Cada onda convértese en anxo e voa.

Ai daquel que ousou erguer a man sobre o mar!

Vós non o sabedes e por iso volo digo: nas noites, cando ninguén o mira, o mar convértese nun gran monumento e din que na punta se ergue de pé, solemne, a estatua de si mesmo.

Ninguén saberá nunca cal é a verdade, nin tampouco o número de erros que manexa cada home en todos os instantes da súa vida.

Sobre que cantidade de erros descansa cada invento humano?

Eses inventos máis fermosos que unha chispa eléctrica e que as pernas dunha muller. Aquí inclínanse todos os sabios, aquí axeónllanse os profetas, aquí canta o galo e onde termina o seu canto nace unha paisaxe como todos sabedes. Despois só se ven as mans dos náufragos aferradas ás ondas e unha botella que aboia e se alonxa para contar a historia de tanta anguria.

Isolda, se ti soubeses!

O céo mudou sete veces. E volverá mudar por causa do mar. Porque o mar se volveu globo e soltou amarras e marchou polo céo.

Que sacades con apuntar os vosos canóns e con tocar as campás?

No horizonte, o sol que se pon, extende a man e óllanos apenas detrás dos seus cinco dedos separados como os raios dunha roda. Que podemos facer?

Sobre o campo deserto cae o ovo dunha águia que pasaba voando sen saber onde dirixir os seus pasos. Ese será o campo da fecundidade durante uns anos e se cadra alí mesmo nace unha gran capital.

Os telescopios levántanse e pérdense na eternidade. O céo íspese. Cruzan aerolitos e relampos alén da Vía Láctea, pasa o cortexo ceremonioso dos cometas e ninguén teme xa a cólera de deus.

O céo íspese e vense os ollos agoniantes do que todo creou.

O céo íspese e vese a pantasma nocturna que leva aos astros o alimento cotián.

O céo íspese e vese a cova de candelabros en cuxo centro dorme a muller de carne que todos coñecemos envolta nos seus cabelos.

Pasan as cebras sonámbulas a galope e vense as ventás que se abren na escuridade como parásitos pegadas á noite.

Ah, se ti soubeses! Estou agochado dentro da túa sombra. Eu son a árbore recén nacida dentro dos teus ollos. Son o meniño de pés espidos como estatua que berra no naufraxio entre reflexos impasibles.

Son o espectro que se alonxa guiado polas súas pombas, esas pombas cheas de sabedoría que se nutren da luz dos farois tatexantes.

Velaquí estou, fatigado e terrible, máis terrible que o barco sentenciado que se alonxa ouveando polo céo e morre docemente como un home ou como un can cando sente por vez primeira o peso do seu esquelete debaixo da carne


VICENTE HUIDOBRO: Tremor de céo, 1931 (fragmento)




28/06/11

ALTAZOR / VICENTE HUIDOBRO







CANTO III

Romper as ligaduras das veas
Os lazos da respiración e as cadeas

Dos ollos sendeiros de horizontes
Flor proxectada en céos uniformes

A alma pavimentada de lembranzas
Como estrelas talladas polo vento

O mar é un tellado de botellas
Que na memoria do mariño soña

Céo é aquela longa cabeleira intacta
Tecida entre mans de aeronauta

E o avión trae unha linguaxe diferente
Para a boca dos céos de sempre

Cadeas de olladas nos atan a terra
Rompede rompede tantas cadeas

Voa o primeiro home ao iluminar o día
o espazo creba nunha ferida

E devolve a bala ao asasino
Eternamente atado ao infinito

Cortade todas as amarras
De río mar ou de montaña

De espírito e lembranza
De lei agoniante e soño enfermo

É o mundo que torna e segue e vira
É unha última pupila

Mañá o campo
Seguirá os galopes do cabalo

A flor comerá a abella
Porque o hangar será colmea

O arcoiris farase paxaro
E voltará ao seu niño cantando

Os corvos faranse planetas
E terán plumas de herba

Follas serán as plumas tépedas
Que caerán das súas gorxas

As olladas serán ríos
E os ríos feridas nas pernas do baleiro

Conducirá o rabaño ao seu pastor
Para que durma o día canso coma avión

E a árbore pousará sobre a rola
Mentres as nubes se fan rocha

Porque todo é como é en cada ollo
Dinastía astrolóxica e efémera
Caendo de universo en universo

Manicura da lingua é o poeta
Mais non o mago que apaga e prende
Palabras estelares e cereixas de adeuses vagabundos
Moi lonxe das mans da terra
E todo o que di é por el inventado
Cousas que pasan fóra do mundo cotián
Matemos o poeta que nos ten saturados

Poesía aínda e poesía poesía
Poética poesía poesía
Poesía poética do poético poeta
Poesía
Demasiada poesía
Desde o arco da vella ata o cú pianista da veciña
Abonda señora bambina
E aínda ten reixas nos ollos
O xogo é xogo e non ladaíña infatigable
Sorriso o riso e non lampadiñas de meniña
Que rodan da aflicción ata o océano
Sorriso e falafurías de estrela tecedeira
Sorriso do cerebro que evoca estrelas mortas
Na mesa mediúmnica das súas irradiacións

Abonda señora arpa das belas imaxes
Dos furtivos como iluminados
Outra cousa outra cousa buscamos
Sabemos pousar un beixo como unha ollada
Plantar olladas coma árbores
Engaiolar árbores coma paxaros
Regar paxaros coma heliotropos
Tocar un heliotropo como unha música
Baldeirar unha música como un saco
Degolar un saco coma un pingüín
Cultivar pingüíns voma viñas
Muxir unha viña coma unha vaca
Desarborar vacas coma veleiros
Peitear un veleiro coma un cometa
Desembarcar cometas coma turistas
Enbruxar turistas coma serpes
Colleitar serpes coma améndoas
Espir unha améndoa coma un atleta
Leñar atletas coma alciprestes
Iluminar alciprestes coma farois
Aniñar farois coma calandras
Exhalar calandras coma suspiros
Bordar suspiros coma sedas
Verter sedas coma ríos
Ondear un río coma unha bandeira
Desplumar unha bandeira coma un galo
Apagar un galo coma un incendio
Bogar en incendios coma en mares
Ceifar mares coma searas
Repinicar searas coma campás
Desangrar campás coma años
Debuxar años coma sorrisos
Engarrafar sorrisos coma licores
Engastar licores coma alfaias
Electrizar alfaias coma solpores
Tripular solpores coma navíos
Descalzar un navío coma un rei
Colgar reis coma auroras
Crucificar auroras coma profetas
Etc. etc. etc.
Abonda señor violín afundido nunha onda onda
Cotiá onda de relixión miseria
De soño en soño posesión de pedrerías

Despois do corazón comendo rosas
E das noites de rubí perfecto
O novo atleta chimpa sobre a pista máxica
Xogando con magnéticas palabras
Caldeadas como a terra cando vai saír un volcán
Guindando sortilexios das súas frases paxaro

Agonía o último poeta
Tanxen as campás dos continentes
Morre a lúa coa súa noite a costas
O sol tira do peto o día
Abre os seus ollos á nova paisaxe solemne
E pasa dende a terra ás constelacións
O enterro da poesía

Todas as linguas están mortas
Mortas en mans do veciño tráxico
Hai que resucitar as linguas
Con sonoros risos
Con vagóns de gargalladas
Con cortacircuitos nas frases
E cataclismos na gramática´
Érguete e anda
Estarrica as pernas anquilose salta
Lumes de risa para a linguaxe tremelicando de frío
Ximnasia astral para as linguas tolleitas
Érguete e anda
Vive vive coma un balón de fúbol
Estala na boca de diamantes motocicleta
En ebriedade dos seus vagalumes
Vertixe si da súa liberación
Unha bela loucura na vida da palabra
Unha bela loucura na zona da linguaxe
Aventura forrada de desdéns tanxibles
Aventura da lingua entre dous naufraxios
Catástrofe preciosa nos raís do verso

E posto que debemos vivir e non nos suicidamos
Mentres vivamos xoguemos
Ao simple sport dos vocablos
Da pura palabra e nada máis
Sen imaxe limpa de xoias
( As palabras teñen carga de máis)
Un ritual de vocablos sen sombra
Xogo de anxo alá no infinito
Palabra por palabra
Con luz propia de astro que unha colisión volve vivo
Saltan faíscas da colisión e mentres máis violenta
Máis grande é a explosión
Paixón do xogo no espazo
Sen ás de lúa e pretensión
Combate singular entre o peito e o céo
Total desprendemento á fin de voz de carne
Eco de luz que sangra ar sobre o ar

Despois nada nada
Rumor alento de frase sen palabra.

VICENTE HUIDOBRO: Altazor, 1931


Ollo-encoro





PEQUENO MANUAL DE RETÓRICA ou como entender os recursos literarios

APUNTAMENTOS SOBRE A VANGARDA entendendo como tal as correntes artísticas nacidas a principios do séc.XX para rexeitar na súa totalidade toda tradición anterior.

AS MULLERES NA VANGARDA ou breve repaso de señoras que neste país tiveron que xestionarse contra corrente.

O ULTRAÍSMO ou mestura de todos os movementos de vangarda para facer unha arte rupturista de fusión