02/01/11

A GRAN CONQUISTA DE GRANADA




                A  GRAN CONQUISTA DE GRANADA

                             Mergullos pairando sobrevoando o nada

Moi impactada pola lectura dalgúns escritos de Renzo Novatore, dispóñome a facer unha inmersión no nada para crear algo que demostre que do nada pode saír algo codificable por unha humana.

Para levar a cabo a exploración poño a punto os aparellos que utilizo habitualmente para percibir os territorios onde algo hai e que adoito chamar realidade.

Abandono a psicotopografía do meu territorio sen mapa e non tardo en chegar a ningures. Empezo por notar que nada sucede, nin dentro nin fóra de min. Procedo a abrir as canles da miña percepción o máximo posible. Velaí os resultados:

v    Non vexo cores, non hai luz nin sombra. Ningún rastro de estrelas, ningún cometa. O nada é negro e absorve todas as miñas cores. O nada é cego.
v    Non oio vibracións sonoras en forma de voz, música, renxidos, asubíos ou berros. Nin o máis mínimo rastro dos ecos do océano. O nada é silencio. O nada é xordo e mudo.
v    Non ulo nada. O nada é inodoro (que curioso! Como os retretes na era dos desinfectantes! Nin sequera ole a desinfección). Fico co nariz taponado polo nada.O nada ten constipación permanente.
v    Afortunadamente non teño fame. Non se detecta nada para levar á boca, nin sólido, nin líquido ni gaseoso. Como a auga antes de ser clorada, o nada é insípido. A miña lingua mudou nun pedazo de cartón cuarteado. Vou que tanto me sabe un caramelo de eucalipto como unha pata de nécora. O nada  sabe a nada.
v    Fallando como está ata agora o experimento, sería inconcebible que algo houber para tocar ou alguén para ser tocado. Mellor. Non desexaría por nada do mundo topar alguén no nada. Esta ausencia de sensacións táctiles produce algo semellante á desolación. Vou, pois, desolada, cunha granada estoupando nas miñas mans desangradas. O nada non ten pel.
v    Tento adoptar unha postura equilibrada en vertical. Imposible. Carezo de toda referencia e atracción magnética. O meu corpo é un boneco de trapo exento de armazón ou estrutura interna. Nin sobe, nin baixa. Nin se deita nin se levanta. É o que ten o nada, pura indefinición. Déixome ir, pois, indefinida e indefinidamente.
v    Tento agora observarme en relación co espacio do nada. Inviable tal observación. Non hai nada semellante á horizontalidade porque non hai espacio. Por tanto, non hai lugar para a manifestación de quen está a realizar este experimento macabro. Vou inmanifestada, suando a mares xa sen risa nin voz.O nada non pode manifestarse porque  ten nada que manifestar, porque está baleiro.
v    Na máis pura ausencia tento tomar conciencia da información epidérmica: un enorme conxunto vacío de sensacións. Isto bloquéame. Perdo temperatura a marchas aceleradas, non tardarei en converterme nun bloque de xeo engulido polo pozo do nada.O nada é xélido.
v    Tento lembrar alguén amigo. No meu cerebro non comparece ninguén. O nada é amigo de ninguén.
v    Tento amar esta ausencia de descoberta. Non podo. O nada está vacío de amor.
v    Chamo desesperadamente por alguén da miña tribo. Non poden oírme xa que non hai partículas que poidan transmitir o berrido.No nada só hai silencio eterno.
v    Lembro as miñas ambicións, a ver se algunha delas me vale para poder deseñar a saída do nada. Intento falido. O nada revélase como un potente inhibidor do meu motor creador. O nada quere nada.
v    Estou empezando a preguntarme que demo pinto aquí, parece que empezo a esquecer o motivo da miña inmersión. Xa nin me sinto intrigada. Máis ben estou empezando a fartarme de tanta ausencia en formol. O nada non ten misterio nin dá lugar a milagro ningún.
v    Probo a desprazarme a ver se nalgún recuncho do nada aínda hai algo interesante que poida chamar a miña atención. O nada é homoxéneo, nivelado e sen protuberancias. Non detecto variacións. No nada non hai mutacións.
v    Nunha última proba desesperada tento simultanear os meus aparellos de percepción, ensaiando todo tipo de combinacións ordenada e aleatoriamente. O resultado é desalentador. No nada hai nada para a exploración.
v    A piques de desintegrarme no negro pozo do nada, os meus ollos cegos, os meus oídos xordos, a miña lingua acartonada, a miña pel esfolada, o meu corpo enteiro, xa sen min, sofre unha violenta sacudida de saudade e tira por min; emerxo atraída polos ladridos dun can distante que me chama e me guía a través dun túnel co que eu non contaba. Do nada, pois, hai saída.
v    De súpeto acordo fragmentada nun recuncho da cama. O meu fillo máis novo pregunta, pobriño, que me pasa. Dígolle ironicamente que nada e quedo pensando, machucada pola experiencia, que é urxente que faga un plan de paixóns novo, as actuais deben estar caducadas, antes que TODO me veña enriba de golpe e devore este ALGO que aínda fica indemne de min.


CONCLUSIÓNS

1.   Non debo ter nin a máis mínima vocación nihilista. O ninhilismo semella querer impactar contra min balas de odio e rancor, que por suposto, esquivo.
2.   Entre o NADA aniquilador e o TODO bobo das grandes superficies, fico cun ALGO, moi pouco, que teña viabilidade.
3.   Lembro porfiadamente unha escena que vin hai moito tempo no televisor, na época que aínda era espectadora; é a declaración dun campesiño que sobrevive nunha aldeíña aledaña da central nuclear de Chernobil, na Ucraíña, 12 anos máis tarde da explosión do reactor: “prefiro morrer de radiación na miña casiña coa miña muller, a ir morrer de frío e fame en Kiev”
4.   Farei unha cura de rosas bravas para acelerar a recuperación das avarías na miña fuselaxe corporal e mental.


        A batalla foi librada. Agora só queda a nefasta sensación de               que foi por e para nada.

2 comentarios:

angola dixo...

Por se alguén dubida da validez dos exercicios literarios comunico que con esta experiencia pillei unha boa gripe que xa dura días. O nada é pura xelidez. Primeira e última inmersión no nada. Menos mal que hai limóns, tranquilidade ambiental e lugar para algo.

orola dixo...

O nada é a expresión conxelada do fascismo total sobre a persoa. O nihilista non cre en nada, nin en si mesmo; actúa sen auténtica motivación, é incapaz de poñerse no sitio de ninguén, carece de empatía, tanto lle ten os medios, vive anulado e anulando. Sempre cobizando nada.