Flores salvaxes
Bravas
Silvestres
Ventureiras
1
AMARELLE |
Mesmo nas longas, infindas e áridas terras do deserto hai zonas eventuais de sombra onde medran flores. Son flores que che faran sangrar tan pronto como queiras tirar delas o perfume e o pecado. Aínda teñen unha historia propia chea de alegría, tristura e amor. Repito, son flores raras, bravas que xorden do nada en que se crían. Foron sementadas polo vento, fertilizadas polo sol e despois despiadadamente feridas polo trebón.
Estas flores son pensamentos que agromaron na profunda soidade e meditación da miña mente, mentres fóra, no mundo que xa non é meu, roxe a loucura furiosa, azoutada polo lume electrizante dos lóstregos que estalan sen descanso.
E eu, vagabundo impenitente que adora correr polos camiños salvaxes, vou alegre e aterrador por este meu campo solitario e abandonado, compracéndome en reunir periodicamente monllos destas flores bravas para coroar a miña bandeira rebelde. Ela foi xa unha vez brutalmente aldraxada, pero aínda canta o coro alegre do eterno retorno.
2
CABRIFOLLA |
Só aqueles que se reencontraron despois dunha búsqueda continuada, desesperada e dura, e se puxeron á marxe da sociedade, cheos de desprezo e orgullo, sen negar a ninguén o dereito de xulgalos, son anarquistas. Quen non é capaz de recoñecerse a si propio na grandeza das súas accións, erixíndose el só en xuíz de si mesmo, pode crer que é anarquista, pero non.
A forza de vontade e potencialidade ( que non debemos confundir co poder), o espírito de auto-elevación e a individualización son os primeiros niveis nunha escaleira longa e sen fin que nos obriga a superarnos ao longo da subida.
Só aqueles que, con violencia impetuosa, saben abrir as portas enferruxadas que rodean a casa da gran mentira ( onde ladróns lascivos – deus, estado, sociedade, relixión- se xuntaron para extraeren os tesouros de mans suorosas, cobizosos que se adornan co ouro falso do amor, a compaixón e a civilización dos depredadores) poden considerarse donos e señores de si mesmos, e chamarse a si mesmos anarquistas.
3
CARDO |
Alén de ser o maior rebelde, o anarquista tamén ten o mérito de ser un rei. O rei de si mesmo, enténdese!
Os que coidan que Cristo é o símbolo de quen renuncia para acadar a síntese libertaria da vida, terían que renegar do socialismo e do anarquismo cristián.
Con todo, Sócrates foi, sen dúbida, máis grande ca a brutalidade dos que o condenaron. Así e todo cando cando aceptou a sentencia de beber a cicuta, levou a cabo o tipo de acto de covardía e devoción que o anarquismo sen piedade condena.
4
LIÑO |
Cando unha persoa utiliza calquera medio para fuxir da brutalidade insuperable dun pobo transformado en feroz e brutal polos prexuízos caníbales e a ignorancia espantosa ( ou a corrupción sádica dunha sociedade podre que se cre con dereito a xulgar e condenar unha persoa por leva a cabo unha acción específica, sen entendela) leva a cabo un acto de rebeldía soberbio e individualista que só pode atopar a súa razón de ser e a súa glorificación no anarquismo.
5
ESTRALOQUE |
Ai! Ata agora a conciencia mesma foi unha atávica e temible pantasma. E só deixará de selo cando un ser humano saiba compoñer a imaxe e o espello da súa propia e única vontade.
6
CARAVELIÑA |
O primeiro ser humano que dixo: “ Non hai máis deus”, foi, sen dúbida, un atleta do pensamento. Pero o que se limitou a dicir: “ O deus dos curas non existe”, facendo trampas a través do equívoco, deixa ben claro que é unha sombra partidista que xa está planeando matar, tal vez cunha nova mentira. Estes seguen sendo máis perigosos que aqueles que se limitan á mera negación de deus.
ADDENDA
O mundo é unha igrexa fachendosa, cobizosa e limosa onde todos queremos ter un ídolo para adorar fetichisticamente e un altar no cal sacrificármonos a nós mesmos.
Renzo Novatore
Escritos anarquistas
FIDALGUIÑO http://listen.grooveshark.com/s/Child+In+Time/32KJT6 |
1 comentario:
isto que aquí ves escrito, estimado lector, foi redactado hai aproxidamente cen anos. Que manía de evitar? os díxitos.
Publicar un comentario