RECEITA UNIVERSAL PARA FACER SOPA CÁUSTICA QUE FAI QUE CHOVA OURO, CASE POLA CARA BONITA E AÍNDA POR RIBA CON SUBVENCIÓNS.
Necesitará vostede cada un dos 365 días do ano os seguintes ingredientes:
1. Terra roubada para arrasar
2. O silencio mediático e o beneplácito das autoridades, escollidas democraticamente para tal fin.
Pasemos aos detalles técnicos:
3. 6 toneladas, que son 6.0000 quilos, de CIANURO DE SODIO
4. 1.000.000 de litros de auga directamente collidos dos acuíferos inmediatos. Pode vostede chegar a necesitar mesmo 1.000 litros de auga por segundo. Non pasa nada, esa auga volve por onde se poida aos mesmos acuíferos, felizmente enriquecida coa nosa sopa química. Unha marabilla.
5. 42. 000 toneladas de rocha dinamitada, para o que necaesitará facer
6. Dúas ou tres explosións diarias, unha por cada telexornal de ocultamento de información, para as que necesitará 7 toneladas, 7.000 quilos de nada, de explosivos. Eta mata.
7. Diariamente, deberá vostede tamén moer 3.000 toneladas de rocha rebentada ata obter unha fina farina de rocha en po.
8. 400 quilos de ÁCIDO CLORHÍDRICO,
+
400 quilos de SODA ou SOSA CÁUSTICA
+
46 quilos de LITARGIRLO
+
23.000 quilos de cal
+
2.500 quilos de XOFRE
Todos estes ingredientes químicos son tóxicos e mesmo letais, pero vostede non se preocupe, non terá que manipulalos vostede persoalmente. Hai moitísima xente no paro que firmará de puño e letra inmediatamente calquera proposta laboral. Ademais están os nativos desertores da agricultura tradicional, os que queren fuxir do contacto coa terra como da peste e non dubidarán en vender o que faga falta e mesmo venderse a si mesmos por un soldo fixo.
Así é que se a vostede lle fai ilusión unha tormenta dourada, non hai problema ningún, para que habiamos querer a Terra senón para rebentala? Aquí todo o mundo gaña!
Ningún comentario:
Publicar un comentario