24/12/10

A VIDA ÉCHE UN TANGO...

O poético non reside só na palabra: é unha maneira de actuar, unha maneira de estar no mundo e convivir cos seres e as cousas. Aquel que ignora a poesía é un mutilado, así como o é quen ignora o amor. Esta afirmación podería suxerirnos a idea de que vivimos nun mundo de mutilados, pero non é así: o que atopamos a cotío non é a falta do impulso poético senón a súa represión. Aldo Pellegrini



PORQUE NON SOMOS MUTILADOS

PORQUE ESTAMOS NA ZONA DE SOMBRA DA REPRESIÓN


A poesía
é
a única verdade 
absolutamente
libre
de todo lastre
de todo prexuízo
de todo punto de vista

é
a liberdade total
unha escravitude paradóxica e gorentosa
un estado de ánimo exaltado
unha luxuria da linguaxe
unha furia 
na boca de todos
os que amasamos esta gran 
bola de pan

non hai materia máis plástica
nin máis espiritual
ca a linguaxe articulada
pola voz humana

léase María Callas
Gilbert Becaud
a miña visiña cando canta
a miña nai chamando no serán polos carreiros
os nenos xogando aos indios entre os piñeiros
o cura! que nada curaba cando a finais dos sesenta se poñía solemne e cabrón para  nos invadir coa súa homilía de horror

a palabra libre 
da poesía
é o ámbito 
para 
a liberación total

nesta era global
de totalitarismo
ideolóxico 
tecnolóxico
e
 xigantismo 
da miseria
e
 fascismo ...total

construímos
entre moitas e moitos
muriños
de pedra sobre pedra
encaixes milenarios
(para facer acopio, se se dá o caso, de munición)
neles medrarán 
couselos 
musgo
carrizo
brión
fentos ecuatoriais
desexos arborescentes
onde poderemos
por fin
dar
acubillo
ao 
futuro
que teñamos
a ousadía
de
imaxinar.




Relax you

Do texto de Pellegrini podes ler máis nos comentarios de:
http://amarellesbravos.blogspot.com/2010/12/ecos-comicos.html




S.O.S


Todos presentiamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro estraviado
daba o S_O_S
no morse


                                  _clave Orion_
                                               das estrelas


Eses brazos abertos da vela
son os mesmos do vento
que se espreguizou
Na man do mar esquencedío
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinais
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol


Que dan os almanaques
para esta meia-noite?


Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S_O_S


Manuel Antonio...vive!
De catro a catro (1926)


http://www.galiciaespallada.com.ar/m_antonio_catro_catro.htm




Ningún comentario: