26/10/10

ARS POÉTICA










buguina por dentro
Pierre Puvis de Chavanne
Mulleres na ribeira
1879


Firme como o raio de luz dun faro
esguía na tormenta
perfuradora de tebras
levas o meu barco ao seu destino inexorable.
Sen outra misión que a de iluminar a miña vida
xordes, potente cacharela
por enrugar as miñas loitas enloitadas
por rachar todas as bandeiras
por escachar contra min áxiles ondas precipitadas
de olladas túas
que me devolven enteira ao día
sen precipicios nin mediodías
con todos os timbres da voz a punto
e todas as fibras crispadas.



Son a liña esquiva do teu horizonte
son a túa angueira orfa na madrugada
son o teu illó senlleiro
a túa náusea rebentada
cara e cruz dunha mesma moeda
ti es o lóstrego, eu a brétema
ti a explosión, eu a xenreira
ti o lume, eu a leña
ti o incendio
eu o trebón


1 comentario:

angola dixo...

A 1ª imaxe desta entrada é un faro por dentro, unha escaleira de caracol, unha perfecta espiral de Fibonacci, unha corna captada dende dentro, unha galaxia, o caracol do son, etc
A 2ª imaxe é a reprodución dun cadro simbolista de Puvis de Chavannes: As tres gracias: AGLAYA (símbolo de beleza, intelixencia, creatividade e intuición), EUFRÓSINE (símbolo do pracer e da alegría) e TALÍA(musa da comedia e da poesía bucólica, representada no mundo clásico cunha máscara e unha coroa de hedra)