Neste tema
persoal
e modesto,
cantado mil
e unha vez,
dei voltas coma un esquío poético
e quero dalas de novo.
Este tema
é agora
pregaria en Buda,
e no negro afiar a navalla contra o amo.
E se en Marte
hai un corazón humano,
tamén el
agora
esborrancha
algo parecido.
O tema virá
e aínda corcovado
levarao ao papel
e diralle
escríbeo!
Do papel
o corcovado
arrincará cun chío de águia
e as estrofas do seu canto fulxirán ao sol.
O tema virá,
petará na porta da cociña
e esvaecerá coma un fungo de fume,
e un segundo despois
o xigante
caerá
abafado entre os garavatos das cartas.
O tema chegará,
reclamará:
- A verdade!
O tema chegará,
reclamará:
- A beleza!
e aínda que
te craven das mans nunha cruz,
cantuxarás unha valse dende o alto.
O tema apenas rozará o alfabeto-
pode haber libro máis claro?
e fai do
A
un empinado Kazbek.
Ofúscate,
afástate do pan e do sono.
O tema chegará
lampexante a pesar dos séculos,
e dirá simplemente:
- De aquí en diante, mírame só a min!-
E míralo
e vas, abandeirado,
facendo chamear o lume dunha seda escarlata-
O tema está cheo de maldade!
Acazápase tras os feitos,
do máis fondo dos instintos disponse a saltar,
e furioso
- atrevéronse a esquecelo!-
sacudirate
ata deixarte sen alma.
O tema chegou a casa enfurruñado,
Ordenoume:
- Dáme as rédeas do tempo!
Axexou cun aceno a miña vida cotiá
tal que un temporal axotou xente e asuntos.
O tema entrou,
expulsou os outros
e apoderouse de min.
O tema púxome o puñal na gorxa.
Martelador!
Do corazón á tempa!
O tema volve negro o día de tebras.
Que se oian ben forte eses versos!- Ordena.
O nome
deste tema
é
...!
VLADIMIR MAIAKOVSKI: Disto - De que?, 1923
Salvador Dalí: Soño causado polo voo dunha abella
en torno a unha granada
un segundo antes de acordar, 1931
Ningún comentario:
Publicar un comentario