LICANTROPÍA CONTEMPORÁNEA
O máis alto grao da tristura tanto pode ser
un xeneral cego mendigando a través das illas
como cara as tres da mañá a avenida
da Ópera
Non hai límites para a melancolía humana
Sempre se conta cunha pedra para colocar sobre a pirámide
das bágoas
Estades seguros de padecer tanto como unha muller esganada
no momento en que ela sabe que todo rematou e desexa acabar
Estades seguros de que non pagaría máis a pena ser
ser esganado se un pensa nos coitelos das horas que se abeiran
Dende hai tempo vivo o meu último minuto
A agonía que masco é a dunha agonía invisible e perpetua
As lapas que fago recortar de cando en vez polo perruqueiro
son as únicas en delatar o negro inferno que me habita
Coma corpos privados de sepultura
os homes pasean polo xardín da miña ollada
Soñadores inexplicables
ou son o único a quen bate unha man desecada
neste deserto habitado entre estas flores áridas.
Amo e son amado. Nada nos afasta
Por que daquela estar triste no corazón espléndido do amor
O mundo sacode a súa estúpida cabeza Sabeotodo
Amo aínda que a vida sexa mortalmente intolerable
Amo aínda que logo me vexa obrigado a ouvear
Detrás miña arrastro o manto fantasmal das intencións ocultas
Unha cadea de perfeccionamentos da dor moral
soa aos meus pés espantosamente malpocados
Amo e amámonos pero en medio dun naufraxio
pero na punta dun puñal e non podo
non podo aturar o mal que isto ha facerche
Os teus ollos os teus ollos mon amour desorbitados por todo o que non sexa pracer
Que me arrinquen o corazón con tenaces
que rematen coa miña cabeza que se desprende
Bebo un leite coma borra e a hora do mediodía
semella o carbón das gándaras
onde murcha o Sphagnum a quen tomo pola miña imaxe nos espellos
Eu amo Eu ámote pero
na cala dun barco no interior de dar un salto Impaciencia
Innobre impaciencia de saber se isto poderá aturarse
É probable que todos me xulguen un criminal
guiándose só polas debilidades e o aspecto
Ese home que segundo os diarios da mañá decapitou a súa amante
mentres durmía ao seu carón chorou no xulgado
Asasináraa no cuarto despois
no soto primeiro cun coitelo logo cunha serra
separou a cabeza adorable para poñer
o corpo nunha bolsa lamentablemente pequena
Saloucou no xulgado
Non somos acaso semellantes ás palmas
que medran unidas florecen e fructifican
para dar unha imaxe de amor perfecto
O outono chega coas mans ateigadas de ilusións resplandecentes
Que crime é ese que me pon a chorar
Ollade o meu amor está vivo Amósate cherie
Nada poderedes probar A coartada verde coma unha floresta
esténdese polo horizonte onde grallan inutilmente os corvos
Sen embargo en cada árbore hai un aforcado que abala
en cada folla unha mancha de sangue
Que pode haber peor que o céo ao mencer ou o betume da tarde
Que me impide trabar os viandantes nos bulevares
A amargura que sinto medrar en min pode ser o primeiro cachón dun dioivo
comparado co cal o outro semella un vulgar desbordamento de sumidoiros
Lembro que en 1541
perto de Pavia
cando me tomaron preso na campiña onde deambulaba
vítima dos primeiros efectos do mal
os campesiños non acreditaron cando lles dixen a verdade
Refusaron tomarme por lobo furioso
por causa da miña pel humana e Santos Tomases
eternos da ciencia experimental
cando lles confesei que a miña pel lupina estaba oculta
entre pelello e carne
cos seus puñais fixeron laños nos membros e no corpo
para verificar as miñas melancólicas afirmacións
non me tocaron a cara
arrepiados pola atroz poesía dos meus trazos
Que me impulsa a ouvear nas tumbas
que me obriga a escaravellar irresistiblemente no po
onde dormen os namorados a descompoñérense
Que vas ti exhumar como se a luz vivente
non tiver abondo coas feridas dos vivos
Dádeme a linguaxe tenebrosa dos axustizados na cadeira eléctrica
o derradeiro vocablo dos guillotinados
A existencia é un ollo rebentado Que se me entenda
un ollo que fai rebentar a cada instante
o harakiri sen fin Enfurézome
ao ver a calma idiota con que reciben os meus urros
Por iso quero sacar das fosas hipócritas
os falecidos de morte violenta coas súas meniñas arrepiadas
quero desterrar as vítimas das catástrofes
cos esqueletes dobrados nas posturas do terror
que se adaptan marabillosamente a estes tempos que corren
Dicía precisamente a miña veciña que hai
xente que se bota á auga
Si son unha besta baballenta a quen o noxo do mundo
fai babar sería doado rematar con todo
mon amour mon amour oes esta blasfemia
Non é a palidez do amor non é a palidez da morte
senón a dos lobos esta que vedes no meu rostro
Non podo morrer a causa desta flor inmensa
cuxo cáliz non podo soportar que se peche
Acadouse un notable progreso en materia de torturas
sobre o cobaio que son
sobre o cobaio salvaxe que son as dúas mans
trincadas en dúas portas
o amor a morte
e uns hércules abstractos fincan os pés sobre as dúas portas
coa tranquila seguridade dun número de music-hall
executado sen ningún esforzo aparente
Como é que nunca te decataches que os meus beixos semellaban palabras sacrílegas
que son todo o que queda por dicir aos escravos esnaquizados
Como nunca te decataches que te amo no instante mesmo en que me matan
que é sempre a última vez que gozo abominablemente nos teus brazos
Os teus brazos tan fermosos que velaí xustamente
velaí o máis terrible
Cumprirá que todo acabe de maneira salvaxe
Eu serei de ti farei botar o teu amante ás feras
Ou fareino examinar con enganos por un médico alienista
ou tamén podo matalo a sangue frío
mon amour
mentres dorme mentres xace pálido e nu
mentres os lobos xorden arredor dos cemiterios onde dormen
os días máis belos que pasamos xuntos mon amour
LOUIS ARAGON: Persécuté persécuteur, 1931
Ningún comentario:
Publicar un comentario