BANDO
Prohíbese por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de boa familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra de Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros
Dáse este bando en tal e cual
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Firmado e rubricado
MANUEL MARÍA: Documentos persoais, 1958
Terra Cha, 1954 , deseño das tapas de Seoane
Ningún comentario:
Publicar un comentario