03/04/14

Isto e isto e isto / OCTAVIO PAZ




O surrealismo foi a mazá de lume na árbore da sintaxe
O surrealismo foi a camelia de cinsa entre os peitos da adolescente posuída polo espectro de Orestes
O surrealismo foi o prato de lentellas que a ollada do fillo pródigo transforma na enchenta fumegante do rei caníbal
O surrealismo foi o bálsamo de Fierabrás que esborrancha os sinais do pecado orixinal no embigo da linguaxe
O surrealismo foi o lapo na historia e o caravel de dinamita no confesionario de o sésamo ábrete das caixas de seguridade e das reixas dos manicomios
O surrealismo foi a chama bébeda que guía os pasos do sonámbulo que camiña de puntas sobre o gume da sombra que traza a folla da guillotina no colo dos axustizados
O surrealismo foi o cravo ardente na fronte do xeómetra e o vento forte que a media noite tira as sabas das virxes
O surrealismo foi o pan salvaxe que paraliza o ventre da Compañía de Jesús ata obrigala a trousar todos os seus gatos e os seus diaños agochados
O surrealismo foi a presada de sal que disolve os tlaconetes do realismo socialista
O surrealismo foi a coroa de cartón do crítico sen cabeza e a víbora que esvara entre as pernas da muller do crítico
O surrealismo foi a lepra de Occidente cristián e o látego de nove cordas que debuxa o camiño de saída cara outras terras e outras linguas e outras almas sobre o lombo do nacionalismo embrutecido e embrutecedor
O surrealismo foi o discurso do meniño enterrado en cada home e a aspersión de sílabas de leite de leoas sobre os ósos calcinados de Giordano Bruno
O surrealismo foi as botas de sete leguas dos fuxidos das prisións da razón dialéctica e a machada de Polegariño que corta os nós da enredadeira velenosa que cobre os muros das revolucións petrificadas do século XX
O surrealismo foi isto e isto e isto

Árbol adentro, 1987