23/12/12

CELSO EMILIO FERREIRO: O teu embigo é o centro do mundo




O TEU EMBIGO É O CENTRO DO MUNDO

Bardo dos viosbardos,
muso don pío pío
versolari monótono
fillastro de Narciso,
de cotío mirándote
o circunflexo embigo.
Homo-sapiens,
lírico-onírico
retórico
putativo
non comulgo
contigo
mais non lle fai
poetiso
cóntame
os aburridos
anales e calendas
dos teus ritos
dos teus problemas
mínimos
por exemplo
os suspiros
dos teus insomnios
pírricos,
oculto a Onán
do teu subxectivismo,
os vulgares
mitos
do teu ridículum
vite, vate cativo.
Fálame
sen mimos
da proxenie cen leites
do teu signo
enrugado
e petiso,
pousafol
papafigos
cantamañás
ambiguo
neutro
propicio
do ademán
oblicuo.
Anda
vicetipo,
conxúgame os teus verbos
favoritos
na primeira persoa
do indicativo.
Fártate do teu nome,
préñate de egotismo
e cando alguén che fale
dos malignos
tempos
en que vivimos,
aldraxados
e ofendidos,
masticados
e mordidos,
refuga
os indicios,
confirma
o teu indigno
pacto
de pillo,
rexeita
o compromiso
cos ventos
alisios,
cos amenceres
prohibidos
( o engagement
é un perigo).
Aplaude, gaba, eloxia
o confortábel conformismo,
o cardiograma
íntimo,
o perifol
metafísico,
con aceno
esquivo,
ninfo Exerio
disolutivo
e murmura
no oído
do pesquisador
teu amigo
as pistas no bosque
dos que escriben os himnos.
E sigue piando
helénico e tranquilo
ese non tal leve
delator pío pío,
pero dime gran merdeiro,
bardo dos brancos lirios,
aedo encortellado
parente de Narciso,
public-relations-man
do fuxedismo,
como non estás canso
de mirarte o embigo.

CELSO EMILIO FERREIRO: Antipoemas, 1973


Debuxo de Euxenio Granell







Ningún comentario: