22/12/12

CELSO EMILIO FERREIRO: Viaxe ao país dos ananos





Xosé Telmo Lodeiro: Paisaxe, mar, terra, solpór, 1960



ÍNDICES ESTATÍSTICOS PARA UN PLAN DE DESENVOLVEMENTO

O meu país predilecto
limita ao norte cos ventos alisios,
ao sur cun arrabaldo  de Bos Aires
e cun porto de Hamburgo;
ao leste con tres pombas mensaxeiras,
ao nordeste coa terra de ningures.

O meu país predilecto é un emporio
de cousas nunca vistas:
os homes viven fóra da lei da gravidade,
pero coñecen moi ben a lei do embudo
e o principio da panca e do fungueiro.

Un país que vive de milagre.
Produce ao ano xustos doce meses
e tres mil romarías de San Roque.
Quinientas toneladas de labercas,
setecentas de grilos,
vinte de bolboretas
e sete de tabáns incontrolados.
Suma e sigue:
Oitenta mil arrobas de maletas,
dous mil metros cadrados de ataúdes,
sete lobos per cápita,
dez raposos por cada contribuínte
e chumbo, moito chumbo,
que exportamos
transportamos
soportamos.

Item máis:
Cinco mil toneladas de carneiros
e un castrón por parroquia.

É que cecais non somos
un país ben desenvolvido?

Somos os segundos quilovatios do mundo
e os primeiros amperios de Europa (fóra Rusia).
A nosa industria de amolar coitelos,
navallas e tesoiras
non ten rival en Occidente.

Fábricas de carozos: setecentas.
Complexos industriais
para a produción en serie de foguetes:
cinco mil, máis industrias auxiliares.
Fábricas de zocas: quinientas.
Fábricas de albardas: outras tantas.
Fornos altos e baixos: non se sabe,
non hai datos.
Fábricas de gaseosas: sete mil.
Laboratorios sicotécnicos
para o estudo do porvir
(sorte do paxariño): sete ducias.
Fábricas de serrar paus: nove mil.
Fábricas de coller puntos
ás medias das mulleres: tres mil ducias.
Empresas colaboradoras
para a cocacolonización da patria: cen mil.
Quen dixo que o país non está desenvolvido?
Cinco mil toneladas de escaravellos da pataca.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de moscas e mosquitos.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de castañas bolecas.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de formigas.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de pirixel e de nabos.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de paciencia.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil toneladas de emigrantes.
Cinco mil toneladas.
Cinco mil, cinco mil, cinco mil toneladas
de camándulas, pillos,
de morcegos ilustres
e de pegas piedosas.
Cinco mil toneladas.

Suma total, salvo omisión ou erro:
Quinientos mil quilómetros cadrados
de túneles na noite interminable.


Viaxe ao país dos ananos, 1968








Ningún comentario: