24/12/12

DESCOCACOLONIZACIÓNS








CRÓNICA DA COCA-COLA

Esta é a historia da coca-cola,
que vosté debe ler con parsimonia
se quere incrementar a súa experiencia
no amor ás institucións serias
do benestar e a abundancia, xa que
non só de lirismo vive o home.

A estatua acromegálica que lle din
da Liberdade, mexou un día 
nas augas podres do Hudson.
Milagre tecnolóxico dixeron
ao ver aquel xarope fedorento,
e un boticario listo de Georgia,
chamado John Pemberton,
experto fabricante de mexunxes,
ideou unha hipótese perfecta:
facer daquela zupia minxitoria
o American Way of Drink respaldado
por unha paternal lei seca puritana.

Despois veu un tal Candler,
home de presa,
fervoroso cristián (da secta cuáquera),
que guiou os andares da empresa
pola próspera xeira do progreso
deica un Día Nacional de Gracias
no que foi relevado por un ruso
(branco, naturalmente)
chamado Vladimir, home disposto
a cocadrogar o mundo a toda custa.

A coca-cola ten a súa grandeza
que se pode medir en estatísticas
ao xeito preferido polos gringos:
se todas as botellas fabricadas
as poñemos deitadas en ringleira,
darían a volta ao mundo tres mil veces
como unha enorme serpe constictora
que tivese cabeza de gorila.
Se todas as botellas fabricadas
fosen equitativamente repartidas
tocariamos a doce mil per cápita.
Outros tantos- cecais un pouco menos-
son tamén os letais megatóns
que a cada ser humano ten de tocarlle
cando a bomba, bon, abra a súa porta.



Se todas as botellas se fundisen
nunha soamente, sería xigantesca,
tería seis quilómetros de altura
e seis de base; por dentro caberían
o Potomac, a CIA e o Pentágono,
pero non o napalm, nin a carne queimada
de tanta guerra sucia repartida.

O American Way of Drink foi exportado
a quinientos países soberanos
en cen millóns de botellas cada día
que implican cen millóns de mensaxes
do sistema de vida que USA usa,
porque a coca-cola representa,
ademais dunha beberaxe, un belo símbolo
da existencia mediocre e domingueira
do ianki conformista,
do home neutro, tipicamente parvo.

Calder dicía moi solemenemente
cando vostedes non vexan un anuncio
de coca-cola é porque foron
máis alá dos límites discretos
do mundo occidental e do cristián.
Segundo din os fieles noticieiros
nada alporiza tanto aos combatentes
fillos do tío Sam, como uns grolos 
do escuro xarope ben xeado.
A bebida nacional de Norteamérica
fixo herois e rudos loitadores,
non soamente no Oeste e contra o indio,
senón tamén no vasto imperio
e contra todo becho que se mova.

O berro de have a koke foi contraseña
ao asaltar a abadía de Montecasino.
Have a koke, have a koke, repiten hoxe
os mozos educados en West Point
aos aviadores que voan sobre Hanoi.




Lembremos. Cando desembarcou en Normandía,
Eisenhower dispuxo que instalaran
unha fábrica de doce coca-cola
que produciu milleiros de botellas
e decidiu a guerra contra o nazi
matador de xudeus non vietnamitas.
Após aquela data gloriosa
a cocacolonización do mundo
está a punto de consumarse.
E agora penso eu, Richard querido,
- pensamos ti e máis eu-
que o cocacolonizador
que o cocacolonizou
bo cocacolonizador ten sido.

CELSO EMILIO FERREIRO: Antipoemas, 1972








Ningún comentario: