21/04/12

Colectivo Ronseltz




¿Un pequeno prexuizo
pouco premeditado
é un prexuizo aliterado?
¿Un pastor alemán é unha metonimia?
¿A Coca cola é mancha eterna?
¿Alí onde está o veneno está o remedio?
¿Se vas a Bueu nun bou vas
e se non, non?
¿Chove?
Xa escampará.

.


Suicidio
Colles o teléfono
Marcas o teu número
Falas contigo mesmo:
Decididamente, non te podes ver.
Antes de discutir
Prefires colgarte.

.


E se os nosos versos
vos parecen herméticos
¡Ai abrelatas!

.


Anatomía
Un poeta galego –posmodermo e
atlantista- transformase
na metade do poema
debido á voluptuosidade de Felisa.
Ouh xélidas nádegas
ouh branquísimo peito
preludio dos témpanos
e da esfera do ventre amado.
Ah do pubis
en purpureo desexo.
Sei do seu van de doncela
do seu brazo de finísimo vidro de Bratislava.
Sei do líquido sinusoidal do sinistro xeonllo
da osteopatía do seu (outra vez) pubis
da luxación do seu húmero
do cincento fígado.
Ouh licor de páncreas augamel
ou acaso pérola que belísima engalana
feita dos máis prezados cálculos renais.
Procuro antes da viaxe
as últimas novas no seu enciclopédico apéndice
pero unha excusión sinuosa polo duodeno
lévame penosamente entre a podremia
ao triste estado de partida.
Agora, Felisa, xa sabes o que son as Itacas

.



Autopoética
Vai un vangardista e dille a unha cantante de ópera:
Vai un poeta moderado e dille ao cobrador da luz:
Vai unha lavandeira e dille a un túmulo:
Vai un ce con cedilla e dille a unha tónica:
Vai un solpor e dille a un rapaz feo:
Vai unha patria pequena e dille a un buzón de correos:
Vai o mariscal Pétain e dille a un porteiro de discoteca:
Vai un leixaprén e queda colgado nunha sala X:
Vai a alborada de Veiga e faise de noite, e entón dille o cristián de base:
Vai a néboa nun verso, sae do poema e acata a Constitución:
Vai unha musa e dille ao porteiro de discoteca de antes:
Vai unha obra Hermética e dille a unha Asociación de Pais:
Coas letras iniciais de cada resposta poderá formar
o pensamento dun famoso xogador do Deportivo.

.


Danse clases de poesía
por licenciados en metafóricas.
Coñecimentos sobre sinestésias
de sensacións e doutoramento
en pareados. Precio económico.
Proximidade oposicións poetas
de corporación locais.
Temario plastificado incluido
con matrícula. Dez horas semanais.
Compatibilidade de horarios.
Temas sobre:
-A lírica metonímica na Constitución de 1978
-O verso libre nos municipios periféricos.
-A concatenación sonética en porteiros
e ordenanzas.
-O barroquismo poético dentro da administración.
-A falta de recursos humanos na entrada e saída de documentos.
-A sobriedade literaria da figura do Alcalde.
-A utopía como fórmula de loita contra da excesiva natalidade de pombas e
gaivotas con respecto ao deterioro das fachadas dos edificios.
-Dependencias e servicios adicados ao cuarteto de rima impar
asonante nas oficinas de atención ao público.


NON AGARDES MAIS
VEN RESERVALATUA PRAZA
RONSELTZ
ACADEMY






Colectivo poético Ronseltz: Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, 1994





2 comentarios:

sociedaddediletantes.blogspot.com.es dixo...

Muy bueno! voy por el abrelatas

orola dixo...

Ben se ve que o que mola non necesita tradución!