EXPAÑA CANIL
todo vai ficando atrás
vivir sen tempo
morrer en vida
almas sen corpo
corpos sen alma
pura tecnoloxía para a revenda
poesía pis
poesía pus
excrementos do nada
que todo o absorve e asimila
sen obxectivo ningún
alén dos dividendos
que xera o negocio
patetismo do neant
negación contra o non
gaña o neón
peóns xogando á ruleta rusa
unha partida
estética de pituferio
deusas de charón
taconeos nun plafón podre
serraduras en dispersión
imperio das peras pecuniarias
cemiterio do sentido sometido
asembleas propicias para a traición
paredón dos decimais
que non suman nada significativo
alén das contas bancarias
era isto a ciberrevolution?
miquimaus é un pornócrata
e este un pixama a raias
disfrute tranquilo, amigo
da súa cota pactada de campo de concentración
ninguén tentará salvalo
isto non é un programa do televisor
cheo de grans de desespero
o falso optimismo dos falos
non é denso abondo para tapar a infección
quero que conste en acta
que calquera lugar é viable
pero este non
apesta a autogratificación
pola cara bonita
de ser da capital do imperio da merda
trazada a cartabón
absoluta falta de imaxinación
maniqueísmo de bobos
rimadeiros patéticos
ou
carencia total de rimas estilo sifón
mellor a auga corrente
de calquera fonte
que esta etílica programación
a ciberliteratura apesta
a telón de metacrilato
de ratas nos túneles da abominación
desenchufo o teclado
non hai nada que os meus dedos poidan engadir
a esta deflagración de porrompompóns
1 comentario:
de novo acaba de suceder.....alguén liberou algo que adoecía por saír e eu serei unha das primeiras en celebralo.....acabo de descubrir virtudes terapéuticas nesta actividade que coidaba totalmente esquecidas, pero non.
Publicar un comentario