22/01/12

redes




REDES

enchéronnos de miseria enlatada
en estética  puticlú
as primeiras intencións
esganando nos puntos cardinais
toda expectativa de alba
ficamos atrapados nas redes de nylon
de electróns suxeitos á programación 
do mercado da eterna insatisfacción

coas guedellas ao vento
ouvean misereres sen código
as estrelas apagadas
da aldea global

pero nós 
improvisaremos recaladas
na quilla feita de horizontes
aínda por descubrir
co pulo magnánimo
dos nosos corazóns desarborados

tensaremos a corda frouxa 
dos meridianos
na illa anónima de cada quen singlando
ao revés dos laboratorios
ubicados nas longas avenidas da morte
administrada en fétidas doses
de cotidianeidade controlada

a cidade, prostíbulo carcerario, da que sen dúbida
somos peóns de asalto,
esmigallará as follas secas das súas intencións suicidas
entre os nosos dedos espontáneos
cada vez máis en flor

recitaremos un rosario de despedidas en morse
para todas as rúas perdidas
editaremos dicionarios sincronizados en branco
para compór o poema errante do silencio
trincaremos nos atlas sen mapas
xeografías en fisión

e choverá matinal
unha fina poalla metálica 
para abafar calquera proxecto mutante
que tente dar cabo de nós
os fuxidos da imbecivilización por entregas
a cómodos prazos
no enderezo descoñecido
da demolición


Paráfrase de INTENCIÓNS de M. ANTONIO




Isaac Díaz Pardo
Xente que vai combater o raposo




Ningún comentario: