11/11/11

ROSA NEGRA






Rosa negra

Para que vivamos unicamente mil veces
naceu baixo da pelve a rosa negra.
Rubí contra rubí pola lucencia
oculta na mandorla das orixes
sen gumes baixo as leiterenas.
Ti entras pola vida como a herba.

A néboa do crepúsculo arrecendeu espida
cada vez que anegou as túas illargas.
Da escuma fixéronse os anceios
que cubriron de negro tantos prados
lonxe das rúas que te esperaban ceibes.
Así forxou a vida a túa rosa nocturna.

Abriuse como se abre un corazón na neve.
O pálpito dos pétalos provocará palabras
coas que farás o mundo que desexas:
ti tes o meu amor na punta dun arume
que agromará sabendo da paixón e do lonxe.
Ela comezou polos estames húmidos.

No principio non foi a luz das corolas.
No principio debeu ser a túa rosa negra.

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER





leiterena
(vexetación dunar)