09/09/11

O ESQUELETE DO VERÁN








AVDA REPÚBLICA ARGENTINA

Un mendigo está sentado aí en fronte, fuma e bebe algo dun vaso de cartón. Hai un ano el estaba exactamente no mesmo sitio, no mesmo chanzo, á porta do mesmo quiosco; e eu aquí, en fronte del, almorzando.

O ruído é incesante, duro, vello, con tos síquica. Unha veciña dende o alto sacode a roupa da cama, sen complexos, enriba dos transeúntes. Pasan fostiados dous mozos nunha bicicleta, ela sentada no manillar, pillan velocidade pola pendente da avenida e cando el mete o freo por culpa dun semáforo todo o conxunto tambaléase perigosamente.

É a primeira hora da mañá e xa vai calor. Hai moita xente que anda arriba e abaixo polas dúas beirarrrúas. Moitos son vellos, deformes, idos, gastados. As velliñas van vestidas elegantemente, algunha leva un traxe de saia e chaqueta a xogo con enormes botóns doutras épocas. Mellor non describo a feitura dos zapatos, hainos inenarrables. A xente de mediana idade xa está afeada e vai moi seria, case con cara de malaostia. Só nos máis novos se pode ver algo que lembre a gloria da fermosura humana.

Penso nos muros vellos da miña terra. Nas vellas campesiñas que aínda levan colleita á feira. Na súa agradable e humilde conversa. Na maneira que teñen de conservar a beleza innata ata que morren no sorriso afable e no xesto xeneroso das mans labradas que semellan teren nacido para darse.

O sol empeza a pegar forte.

O sol do verán é un fastío que dura ata o solpór.

Pois si, estou exactamente no mesmo lugar que hai un ano. É como se o momento fose o mesmo enmarcado nunha paréntese temporal. Nesa peréntese eu coidei dar a volta ao mundo a diario pero aquí non debeu suceder absolutamente nada porque todo está exactamente igual. O mendigo, o ruído, os pelos da cama voando do alto, os vellos, os botóns xigantescos, os mozos baixando cara o centro, o metro pasando anónimo rumbo a ningures...de feito empezo a pensar que aínda estou revolvendo o azucre que botei hai un ano...

Ábrome antes de que estas lanzas de noxo empecen a desesperarme.

6 comentarios:

angola dixo...

Este peixe non é do día. É un arenque afumado que atopei abalando dun cordel que alguén pendurou cun cravo do mastro do barco. Como dea co autor vouno mandar salgar para cando non haxa pesca axeitada aos nosos requintados padais mercenarios.

orola dixo...

Eu non sei nada, a min os arenques non se me dan nada ben. Prefiro unha vaquiña rechea de rolas recheas de pardais recheos de trigo salvaxe. A min gústame pouca cantidade pero do mellor. Así que bórrame da lista de sospeitosos.

Anónimo dixo...

A min non me parece que estea tan afumado. Isto foi escrito non hai moito nunha aterrizaxe forzosa en territorio urbanícola, e dou fé de que está publicado tal como se redactou nese momento e que se recolle con fidelidade case epidérmica o impacto con ese tipo de lugares onde parece que o tempo só se marca polos cambios programados nos valados publicitarios.

poesiapopi dixo...

Ademáis, como pode ser fresco algo que fala dunha contorna onde pasa un ano e todo se repite con vehemencia morbosa? Se isto se publicase dentro dun ano o resultado sería o mesmo. Así é que o da frescura vai haber que replantexalo. Se cadra, fresco non significa cru.

orola dixo...

Non, fresco non é cru de ningunha maneira. O peixe cru creo que só gustan del os xaponeses e para iso moi ben afogado en limón.
Oes, Hipocriman, a aterraxe esa que foi, nunha terraza? Debeu ser terrorífico!

Anónimo dixo...

Debeu. Ten toda a pinta. Iso terás que preguntarllo ao autor, se dás con el. Eu só sei o que me contaron, pero foi en confidencia, así que xa estou dicindo de máis.