Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brilla entebrecida ao sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de soño
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Auga da mañán anterga
trema no meu corazón.
FEDERICO GARCÍA LORCA: Seis poemas galegos, 1935
Este é un dos seis poemiñas galegos de Lorca, gran coñecedor da lírica galega dende Martín Códax ata Rosalía de Castro. O libriño imprimiuse en decembro do 1935 na editorial Nós, dirixida por Anxo Casal. Os dous acabaron sendo fusilados e, cousas do destino, os seus cadáveres apareceron o mesmo día, o 19 de agosto do 36, Lorca nas aforas de Granada e Casal en Santiago, a mil quilómetros de distancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario