13/07/11

VET VUIAFRIKI




   Vet Vuiafriki era un estudante de carácter reservado da universidade de Maximegalón, que levaba unha carreira brillante estudando filoloxía antiga, ética transformacional e teoría ondulatorio-harmónica de percepción histórica. Despois de pasar unha noite bebendo bomba gargaréxica pangaláctica con Sappo Bebecé, empezou a obsesionarse cada vez máis co problema de onde ían parar os bics que levaba comprando toda a súa vida estudiantil.

   A partir dese momento iniciou un periodo de investigación minuciosa durante o que pasou por todas as oficinas de bics perdidos da Galaxia e rematou por formular unha estrambótica teoría que cativou a imaxinación do público naquela época.

  Nalgunha parte no cosmos, dicía, ademáis de todos os planetas habitados por humanoides, reptiloides, peixoides, arboroides andantes e tonalidades superintelixentes de cor azul, existía un planeta habitado exclusivamente por bics. É este o planeta ao que ían parar todos os bics que se deixaban desatendidos un minuto: escorregando discretamente a través de buraquiños de vérme no universo chegaban a un mundo único con estímulos creados para os bics e levaban a vida coa que todo bic soña.

   Como teoría tiña a súa graza, pero un día a Vet Vuiafriki deulle por dicir que atopara o planeta en cuestión, e que traballara alí un tempo de condutor de limusina para unha familia pobre de bic cristal, que escriben normal. Despois desas declaracións expropiárono, encerrárono, escribiu un libro e acabou no exilio tributario, que normalamente está reservado para quen se empeña en pintar a mona publicamente.

   Cando se enviou unha expedición ás coordenadas espaciais indicadas por Vuiafriki, no canto do planeta bic atoparon un asteroide habitado por un vello solitario que aseguraba unha e outra vez que a historia non era certa, aínda que logo se descubriu que mentía.

   Con todo, quedaron sen resolver o misterio dos 60.000 dólares altairianos ingresados anualmente nunha conta brantisvoguiana e, por suposto, o do lucrativo negocio de bics de segunda man de Sappo Bebecé.



DOUGLAS ADAMS: Guía do autostopista galáctico, 2.0 Editora, Santiago de Compostela, 2009, páx. 141-142.







Ningún comentario: