08/05/11

MENHIRES EN MARTE




Sorprendente! Sempre sospeitei que os menhires tiñan un aquel cósmico; como mínimo podemos afirmar que son unha especie de recorrencia rimática na nosa galaxia. Ignoramos aínda a súa finalidade? claro que non, sabemos perfectamente que na Terra onde hai menhires houbo unha vontade con ganas de poñer de manifesto unha estraña mensaxe, tan estraña que terá que ser descifrada por cada quen como mellor lle conveña para evitar calquera posible influencia magnéticoinvasiva. Os menhires aí están e a ver quen é o guapo que di que non. Serán o primeiro xesto que se erixiu para levantar catedrais e outros acueductos dunha historia ben contada? Serán as pegadas que deixaron mentes viaxeiras chegadas de alén da constelación do Can ou de Sirius? Quen sabe? 

Terei que consultar na Gran enciclopedia intergaláctica das pedras o índice de improbabilidade probable diminuíndo de que poidan existir fenómenos semellantes máis alá dos confíns da nosa espiralada galaxia. O tema promete. 

Entre unha nube de rumores en forma de descargas eléctricas emitidas polo cardume de peixiños babel, chegoume esta noite unha onda telepática  clara e inequívoca de que non somos nada, que se sufrimos é porque andamos pampos entre tanta burrocracia e ereccións municipais e impresos do irpf e non nos damos conta que hai mensaxes subliminais por todos lados agardando impacientes a súa  e a nosa liberación.
Mentres non teño máis datos aí quedan enlaces menhíricos por se  foren de proveito para alguén. 

Ah! un saúdo para todos os marcianos residentes dende Terranova, Groenlandia.

Ningún comentario: