20/01/11

VIAXE REAL

lety no país das marabillas



 VIAXE REAL



Lety vai de viaxe…lonxe…moi lonxe…ela soíña
Ignora cal é o medio
Ignora tamén o medo ao descoñecido

Chega a un lugar onde nunca estivo pero familiar, amigable e acolledor
Séntese ben recibida
É tratada con naturalidade
Iso agradéceo

Está no obradoiro dun orfebre, dun xoieiro, dun alfaiate
Que se adica a engastar xemas partindo da pedra bruta
Lety admira as pedras aínda sen pulir nin tallar
Colle nas súas augustas e aristocráticas mans unha especie de cuarzo rosa, é unha lasca grande
O alfaiate amósalle algunha das súas obras: pendentes, anelos, colgantes
Dille que escolla unha, que quere agasallala
Lety escolle unha bolboretiñas brillantes dun material semellante á mica ou á nácara
Son uns pendentes; non quere poñelos aínda, gárdaos nun peto do pantalón estilo xornalista de guerra

O xoieiro déixaa soa no obradoiro un momento…
Lety, curiosa, aproveita para botar un vistazo
Atopa uns enormes pendentes de prata finamente labrada con todo tipo de arabescos
Facendo un xesto mecánico e espontáneo garda un no peto
Parece non ser  consciente de que iso é incorrecto
Está roubando ao seu hospitalario anfitrión sen remorso ningún
Despois procede a apropiarse doutras alfaias coa naturalidade dunha expropiación forzosa sen manifestacións en contra
Sae do obradoiro

Lety accede á vivenda
Hai un neno metido dentro dun disfraz de bufón
Xoga con el
O neno ri e troulea con ela
Vén o pai do neno, o orfebre,
Nota que o neno súa e axúdao a quitarlle o disfraz que o está cocendo vivo
 Cando rematan a faena o home faille saber que anda buscando un gran pendente de prata
Lety adiviña que é o que ten ela no peto
Sácao e devólvollo así como o resto das xoias substraídas

Moi lonxe de botala a patadas
O home bótase a rir e aseguralle que pode coller o que queira
Non quero nada, dille Lety arrepentida . Rógolle que me perdoe
O home envólvea nunha aperta fraternal e amorosa mentres lle pregunta polas bolboretiñas brillantes de mica rosa
Busca nos petos e non están. Perdeunas.


Entra o resto da familia
Póñense a facer de comer
Todos, incluída a cronista,  temos fame

Lety acorda
Dáse conta que xa está de regreso do país
Do perdón e a xenerosidade.

Era un soño…claro! Que había ser senón un soño…


cabaliño do demo facéndolle un comentario a unha folla de abeleira sobre o bochorno que debeu sentir Lety

2 comentarios:

Khuai dixo...

Un sitio bonito ese.

angola dixo...

O mellor do sitio, Khuai-i-Eszmaill, é que se trata dun territorio psíquico, non accesible para os topógrafos...xeógrafos...psicólogos e demais especialistas en trazar fronteiras á realidade