15/01/11

EVIDENCIAS

aínda non afogamos

DECÁLOGO DO GRAN XOGO


1. Ata nova orde, todos os vosos dereitos quedan suspendidos. Naturalmente convén que conservedes por algún tempo a ilusión de que aínda disfrutades dalgúns deles. Polo que a nós respecta non os violaremos máis que un por un, e caso por caso.


2. Sede considerados; non nos faledes máis de leis, da Constitución nin de todas esas elucubracións doutra época. Dende hai tempo, como xa teredes notado, inventamos leis que nos poñen porriba das leis e desa suposta Constitución.


3. Vós sodes débiles, estades isolados, confusos, enganados. Nós somos moitos, estamos organizados, somos fortes e lúcidos. Algúns dicides que somos unha mafia. Falso, somos A Mafia, a que puido coas outras todas. Só nós estamos en condicións de protexervos do caos do mundo. É por iso que nos gusta tanto inocularvos o sentimento da propia debilidade, da propia "inseguridade". Xa que é proporcional á rendibilidade dos nosos chanchullos.


4.  Para vós o xogo consistirá en fuxir ou, canto menos, en tentalo. Fuxir significa superar o voso estado de dependencia. O certo é que polo de agora dependedes de nós en todos os aspectos da vosa vida. Comedes o que nós producimos, respirades o aire que nós contaminamos, a menor constipación ponvos ao noso dispór e, sobre todo, nada podedes contra o poder da nosa policía, a quen conferimos toda a liberdade tanto de acción como de apreciación e xulgamento.


5. Non seredes quen de fuxir sós. Polo tanto, para comezar precisaredes constituír as solidariedades necesarias. Para facer máis interesante o xogo, liquidamos toda forma de sociabilidade autónoma. Non deixamos prosperar máis que o traballo: a sociabilidade baixo control. Tratarase para vós de escapar del. Como? Por medio do roubo, a amizade, a sabotaxe e a auto-organización. Ah! unha precisión: convertemos en crime calquera forma de fuxida.


6. Non nos fartamos de repetírvolo: os criminais son inimigos nosos. Por iso debedes entender, en primeiro lugar, o seguinte: que os nosos inimigos son todos criminais. En tanto que fuxitivos potenciais, cada un de vós é tamén un criminal en potencia. Por iso coidamos conveniente conservar a lista de números aos que chamades dende os vosos teléfonos,  que os vosos celulares nos permitan localizarvos en todo momento e que grazas á vosa tarxeta de crédito poidamos coñecer os vosos hábitos de consumo.


7. No noso xoguiño, aqueles que teñan a ousadía de saír do seu isolamento, serán denominados criminais. En canto a aqueles que tivesen a ousadía de cuestionar este estatuto, serán chamados "terroristas" e poderán ser abatidos en calquera momento.


8. Somos moi conscientes de que a vida nas filas da nosa sociedade contén tanta felicidade como un traxecto no tren de cercanías; que o capitalismo non foi quen de producir en materia de riqueza, máis que unha universal desolación; que a nosa orde podrida non ten máis argumentos que as armas que a protexen.
E que lle imos facer! Estades desarmados mental e fisicamente; aínda porriba detentamos o monopolio daquilo que vos temos prohibido: A VIOLENCIA, AS COMPLICIDADES E A POSIBILIDADE DE APARICIÓN. Francamente, no noso lugar, fariades algo diferente?


9. Coñeceredes o cárcere.


10. Non hai máis regras. Os golpes están permitidos.


Firma: QUEN VOS GOBERNA




Nota da tradutora: Que non diga ninguén que non estamos avisados!


Fragmento de Chamamento e outros fogonazos
O texto completo in http://acuarelalibros.blogspot.com/


http://amarellesbravos.blogspot.com/2011/01/achados-hallazgos-descobertas-o-burro.html

http://amarellesbravos.blogspot.com/2010/11/despois-do-ultimatum.html




menos que nada

1 comentario:

Anónimo dixo...

No punto número cinco esqueceulles dicir algo moi importante que non vou ser eu quen o diga para que non swe saiba, a ver se estes mamóns pillan a idea e nos foden aínda màis do que estamos.