vai levar traballo recompoñerse |
As experiencias extáticas expanden a miña conciencia pero están arruinando o meu físico:
1. Para incrementar o impacto das sensacións que me chegan póñome a fumar de máis...quedan obviadas as consecuencias de tan abominable práctica.
2. Móvome pouco ou nada...pois teño o nefasto costume de quedar estática cando estou extática.
3. Dáme por chorar abundantemente e sen control porque me embarga a emoción...os meus ollos acaban rebentados.
4. Como estou en éxtase non penso nin remotamente en comer...perdo peso a marchas aceleradas...bailo na roupa coma unha sevillana enfurecida.
5. Desligada do plano físico ignoro a desorde e a guiña que me rodea...sei que acabará por engulirme.
6. O meu sistema nervioso convértese nun vibráfono...iso déixame esgotada.
7: Quedo a durmir de repente, sen soños. Como unha máquina. Esperto morta de sede, érgome a beber e volvo durmir exhausta.
8. Non chamo nin collo chamadas de ninguén. Como son todo o universo, respiro e xa estou interconectada gratis...a familia está asustada.
9. Cando vou verme no espello non me recoñezo: os lunares multiplicáronse, as olleiras van máis alá da cor violácea, o pelo semella un niño vello de abellas desintegrándose, a pel semella area escaravellada por un exército de cans esfameados. Que dicir de como están os dentes despois de varios días levitando...evidentemente isto ten que acabar-
10. Aterrizo como podo, procuro non aterrarme e que ninguén me vexa. O xusto para que aínda non me enterren.
11. Non é tan fácil morrer de éxtase!
http://listen.grooveshark.com/s/Razzle_Dazzle_Rose/2sboX8
http://listen.grooveshark.com/s/I_Can_t_See_Your_Face_In_My_Mind/2nEmYC
2 comentarios:
tampouco é fácil escachar coa risa e sen embargo en momentos gloriosos facémolo, ata rebentar a chorar e pedirlle a quen sexa que pare, porque xa non podemos máis.
" Todo fai pensar que existe un certo estado de ánimo no que vida e morte,o real e o imaxinario, o pasado e o/ futuro, o indirecto e o directo, a altura e a a profundidade, xa non se perciben como contraditorios". André Breton. Nadja. París. 1928.
Publicar un comentario