04/01/13

Os fillos de Onán / C.E.FERREIRO



Se unha bala fura a miña frente
pídovos non pensedes no suicidio
ou nun accidente.
Decide, foron os fillos de Onán,
pai da cultura nacida
onde o sol se pon, xa sabedes.
Os adoradores da trivialidade tecnolóxica
que destrúe a relación íntima
entre o home e a natureza.
Asasinos das matrias,
aniquiladores das etnias,
despoxadores das terras natais,
inventores da publicidade
e da pornografía
- sexo, igual a bruído e poucas noces-
que adormenta o espírito da liberdade
e fainos insensibles ao misterio da vida,
troca o traballo nunha maldición
en converte en escravos os traballadores.
Onán infecundo,
destrutor da semente poderosa,
descubridor da libre empresa,
de alleamento televisado
que afoga a revelación,
cousifícanos,
desmesmízanos,
bótanos de nós mesmos
e danos bebelladas
en vez de poesía.
Fillos de Onán divididos en clases,
traen a miseria física,
a degradación espiritual,
a violencia,
a mentira,
o monóxido de carbono,
a ferruxe disolvida,
o anhídrido sulfuroso,
a benzopirena,
o óxido de nitróxeno,
enveleñan os ríos,
contaminan o aire,
fedechonan o mar,
poñen cráteres nos nosos pulmóns
e cando chegue a hora dos altos fornos,
napalmizarannos,
fosforizarannos,
converterannos en rexóns
para as comelladas
das harpías insaciables.

CELSO EMILIO FERREIRO: Antipoemas, 1973










Ningún comentario: