MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
C.E.FERREIRO: Longa noite de pedra, 1962
volvemos en febreiro
Falando de patróns, alguén fixo un percorrido polas webs oficiais do aparello do estado español e das comunidades autónomas para ver a actividade parlamentaria durante o mes de xaneiro e resulta que na maioría delas o que hai é unha ausencia total de actividade parlamentaria; é dicir, os nosos dePUTAdos estatais e autonómicos prolongan as vacacións de Nadal trinta días máis e eu pregúntome se terán a desvergoña de cobralos para reaxustar ben as contas despois de tantos recortes e austeridade para os que traballamos de matalotes. Polo que a min se refire, a miña paga extra poden metela polo cú, así como todo o diñeiro descontado polas xornadas de folga; despois de todo eu saínlles unha pésima consumidora e, se por min fose, a economía do mercado estaría afundida sen remedio.
Señores políticos en activo, por que non se autorrecortan e desaparecen vostedes para sempre? Señores votantes, cando van deixar de fodernos coa súa inestimable, anónima e puntual colaboración unha vez cada catro anos?
Ningún comentario:
Publicar un comentario