28/12/12

ino-sentadas sen nada que faserlle


EXPLOTACIÓN,
 trampas, 
liadas maquiavélicas,
mentiras por sistema,
danos autoinfrinxidos, e extrapropinados
efectos colaterais, ás veces 
ou case sempre 
desexados. 
 nós desenliables por todos lados. 

Así funciona o sistema pornocapitalistalibertario: 
todo vale e así sempre gaño. 
É o neofascismo dos ananos, 
das ameazas en broma, 
do ninguneo encuberto, 
da monosentido tráxico.

Fronte aos vosos laios correctamente dosificados

eu erixo o meu pranto milenario
a miña derrota como punto de partida
a miña renuncia á vosa felicidade de anuncio publicitario
o meu túnel luminoso de realidade
que para cobrar sentido
non necesita máis apaños
que un amor incondicional polo que me rodea
e unha saudade infinita
de non ser xa esta a última páxina que eu escribo
a bordo do meu diario.

Que os deuses traduzan a miña xenreira

en bicos mansos
e que chova tamén para vós
os que non dispoñedes nin dunha poza mínima
para dardes un baño catártico.

Vivides no inferno que edificades día a día

no voso promontorio convexo de espanto.
Coidades subir moi alto
non teredes con que amortiguar a brutalidade da vosa caída.
Nós, os inadaptados, faremos agromar flores efémeras
de entre os vosos cascallos.

E se canto é porque me peta e me dá a gana e quero e podo e sei como facelo.

Vós aínda teriades que demostralo.
Polo de agora manexádesvos moi ben na teoría do mercado inmobiliario
pero suspendedes polo baixo na elaboración de aturuxos arcaicos
e ademáis aínda tendes pendente de aprobar
todos os exercicios prácticos.




Benvidos ao paraíso
xa non quedan árbores no xardín
as plantiñas decorativas son de plástico










Ningún comentario: