12/12/12

FIESTRA........VENTÁ.........XANELA de Gregory Corso




XANELA

Dígocho a ti
morrer, coidar que vas morrer
é unha horrible
triste crenza.
A xente non é de fiar
e os teus pais, o teu cura, o teu gurú son xente
son eles os que che din que debes morrer,
darlles creto é morrer.
Como ves que outros morren
coidas que ti tamén tes que morrer
pero só coñecerás a morte doutro
nunca a túa propia
mesmo no teu leito canceríxeno
non poderás saber que espertarás morto.
O corpo só é unha etapa
nacemos de nós mesmos
do encarnado mencer
á noite desencarnada
ao mencer reencarnado
unha continua conexión
cuxo fío condutor é o espírito.
Voucho repetir
descoñezo a impermanencia
eu estou coa permanencia
e desprezo a morte
só teño sentimentos polos vivos
non son quen de sentir nada polos mortos.
Eles dinche que tes que morrer para acadar o céo,
mándaos á merda, non teñen credibilidade,
coa súa fe fraudulenta
matan decote milleiros de intelixencias eternas.
Agora dígollelo a vostedes: os mortos non van a ningures
só se estás vivo podes ir por aquí, por alá a algures.
O espírito é máis sabio que o corpo.
Considerar que a vida morre co corpo
é estar doente do espírito.
O gran perigo é
pensar co corpo que o espírito é cousa efémera.
A vítima do cancro do espírito saudable
non é algo terminal
e o corpo saudable enfermo de espírito
si o é.
Ao igual que os peixes son augas animalizadas
nós somos espíritos humanizados
os peixes van e veñen
os humanos tamén
a morte dos peixes non é a morte das augas
a morte do teu corpo
non é a morte da vida.
Así é que
cando digo que nunca coñecerei a miña morte
creo niso
comigo o espírito emerxeu co seu rostro humano,
consigo saír da vida vivo.
E non permitas que un corpo nunha tumba
en cuxa lápida se poida ler o nome de Gregory Corso
che faga gracia, contén ese teu riso "ja,ja,ja"
"Dicía que nunca morrería,
mira, o mexebo está enterrado e ben morto"
Só tes que saber que haberá un céo
sobre esa tumba
e levará o tamaño do meu espírito a todas partes
e isto é unha mera suposición
porque se cadra nunca verás esa tumba
nin eu tampouco.
Así, deste xeito, igual que os peixes son auga
así son eu para a terra, o lume, o aire
e así serei ata o momento en que todos estes elementos
deixen de estar aí.
Daquela si que terei morto
ata ese momento aínda serei
como agora, como mañá
coma onte;
adeus, que teñan unha boa vida
lembren
que a xente
case nunca
é de fiar
e é a xente quen di que tes que morrer.
Estareite vendo nos meus ecos
a próxima vez.

GREGORY CORSO





Esta pequena tradución teño vontade de facela lembrando con vehemencia Celso Emilio Ferreiro de quen celebramos o centenario do nacemento neste ano 2012. A súa foi unha intelixencia sensible que nunca se inclinou ante ninguén nin ante nada e nesa medida sentímolo máis vivo e coleando que nunca.
Algunhas ligazóns aos seus poemas:



http://www.ctv.es/USERS/luz/LNP.htm

https://sites.google.com/site/celsoemilioferreiropoemas/

http://celsoemilioferreiro.org/fonoteca-2/?lang=es








Ningún comentario: