reseña do pintor aquí
VIGO
Vigo capital das altas undas que venez suz la mar
e moito coidadiño con te pores
meu amigo
a miralas desde o Paseo de Alfonso 15 baixo
belvedere de Vigo
porque sempre é alí a noite
a foula e o ronsel e o ronseltz
construíndose de catro a catro
e todo Vigo alí ten balances
salgadura de Oia a Trasmañó
e está disposto pra se facer á vela
cabotaxe de inéditos consabidos
mares que han vir constelacións
acabouse acabouse
Vigo Manoel Antonio
capitán máis alá
da Futura República capital Vigo
náutica e obreira
e rompente
acolá embaixo o Berbés
xentes do xeito e da coia
Lelo o xiringlador Manolo o do Faro
Moncho o do Metal Menina Queizán clochards
carrexóns carboeiros pescas ghichas escochadoras
escabecheiras morruncheiras carromeiras cosedeiras
antifascistas
fillos da Oliva da Pedra da Laxe
Vigo Berbés trinta e seis
Berbés mariñeiriños do mare e o bou Eva
que zarpa que vai zarpar
cos Castelao Diego Lence
Xosé Lemos Manuel del Río a Calesa
con vinte e sete mortos súbitos mortos na Porta do Sol
co vinte e sete de agosto en Pereiró
con Martínez Garrido e Antela Conde
á cabeza onde estás Ricardo Mella
tiros na Alameda na praia de San Sebastián
tiros na volta de Puxeiros no castelo do Castro
tiros sangue buguinas non
que zarpa o Eva cos mariñeiriños do mare isué
meu Amante Caride forxador agrario Cabral obreiros
ferroviarios tranviarios chiñas esas chiñas
anónimos fotógrafos topógrafos e mestres
carpenteiros ferreiros médicos albaneis pintores
Lavadores acena mil adeuses resistentes
adeus abur Vigo
porque zarpa o bou Eva do Berbés
sen fondo sen buguinas
que poden escoitarnos
ANXO ANGUEIRA: Poema publicado no libro Fóra do sagrado, 2007.
Ningún comentario:
Publicar un comentario