02/10/11

OCTAVIO PAZ / Árbore adentro

A GUERRA DA DRÍADA
OU
VOLVE SER EUCALIPTO

O enorme can abriu os ollos,
pegou un chimpo e arqueando o negro lombo,
ben chantado nas súas catro patas,
ouveou cun ouveo inacabable:
que vía con seis ollos inxectados,
os seus tres fuciños coma quen roñaban?
vía unha nube preñada de lóstregos,
vía un par de ollos, vía un gato montés,
o gato caeu sobre o can,
o can envorcou o gato,
o gato tiroulle un ollo ao can,
o can volveuse un ladrido de fume,
o fume subiu ao céo,
o céo volveuse trebón,
o trebón baixou armado de raios,
o raio prendeu lume ao gato montés,
as cinsas do gato esparexéronse
entre os catro recunchos do universo,
o cuarto converteuse no Sahara,
soprou o simún e abrasei no seu bafo,
convoquei os xenios da auga,
o trono rolou pola azotea,
escacharon os cántaros de arriba,
choveu sen parar durante cuarenta lóstregos,
a auga chegou ao céo raso,
no vórtice da crista a túa cama bandeaba,
coas sabas armaches un velame,
de pé na proa do teu esquife inestable,
tirado por catro cabalos de escuma e unha águia,
unha chama ondeante a túa cabeleira eléctrica,
levaches a áncora, capeaches o temporal
fixéchesta ao mar,
                           a túa artillería
disparaba dende estribor,
desmantelaba as miñas premisas,
esnaquizaba os meus conseguintes,
os teus espellos ustorios
incendiaban as miñas conviccións,
repregueime cara a cociña,
rompín o cerco no soto,
lisquei por un sumidoiro,
no subsolo dei con tobos,
o insomnio prendeu a súa buxía,
a súa luz díscola iluminou a miña noite,
inspiracións, conspiracións, inmolacións,
con rabia verde unha chamiña iracunda
e o soplete de pagarasmas!
forxei un puñal de misericordia,
bañeime no sangue do dragón,
saltei o foxo, gabeei as murallas,
axexei no corredor, abrín a porta,
ti ollábaste no espello e sorrías,
ao verme desapareciches nun lampexo,
corrín tras esa claridade esvaecida,
interroguei a lúa do armario,
estruchei a sombra da cortina,
chantado no centro da ausencia
fun estatua nunha praza baleira,
fun palabra pechada nunha paréntese,
fun agulla dun reloxo parado,
quedei cun puñado de ecos,
baile de sílabas pantasmas
na cova do cranio,
reapareciches nun resplandor súbito,
levabas na man dereita un sol diminuto,
na esquerda un cometa de cauda granate,
os astros viraban e cantaban,
ao voaren debuxaban figuras,
uníanse, afastábanse, unían,
eran dous e eran un e eran ningún,
o dobre paxaro de lume
aniñou nos meus oídos,
queimou os meus pensamentos, disipou as miñas memorias,
cantou na gaiola do cerebro
o só do faro na noite oceánica

eucalipto paseando

e o himno nupcial das baleas,
o puñal floreceu,
o can de tres cabezas lambía os teus pés,
o espello era un regato detido,
o gato pescaba imaxes no regato,
ti rías no medio do cuarto,
eras unha columna de luz líquida,
Volve ser eucalipto, dixeches,
o vento arrolaba a miña follaxe,
eu calaba e o vento falaba,
murmurio de palabras que eran follas,
verdes faíscas, linguas de auga,
tendida ao pé do eucalipto
ti eras a fonte que ría,
vaivén das ramaxes sixilosas,
eras ti, era a brisa que volvía.


OCTAVIO PAZ: Árbore adentro, 1987






9 comentarios:

angola dixo...

PROEMA

Ás veces a poesía é a vertixe dos corpos e a vertixe da dita e a vertixe da morte;

o paseo cos ollos pechados ao bordo do cavorco e a verbena nos xardíns submariños;

o descenso das palabras paracaídas sobre os areeiros da páxina;

o desespero que embarca nun barco de papel e atravesa,
durante cuarenta noites e cuarenta días, o mar da anguria nocturna e a pedreira da anguria diúrna;

a idolatría ao eu e a execración ao eu e a disipación do eu;

a degolación dos epítetos, o enterro dos espellos;

a colleita dos pronomes acabados de cortar no xardín de Epicuro e no de Netzahualcoyotl;

o só da frauta na terraza da memoria e o baile de chamas na curva do pensamento;

as migracións de miríadas de verbos, ás e gadoupas, sementes e mans;

os substantivos óseos e cheos de raigames, plantados nas ondulacións da linguaxe;

o amor ao nunca visto e o amor ao nunca oído e o amor ao nunca dito: o amor ao amor.

SÍLABAS SEMENTES

- Octavio Paz_ prólogo ao libro.

Anónimo dixo...

Ese ESQUIFE ten múltiples traducións autóctonas: CHALANA, GAMELA, CHALUPA, BOTE, cada cal cun peso léxico específico. Estráñame que optases pola tradución literal.

angola dixo...

Non sei moi ben, creo que por manter o efecto estrañamento. Esquife case obriga a ir ao dicionario, esa caixa de pandora...

orola dixo...

Ben, pois unha vez que tiras de dicionario tamén paga ben a pena investigar neses "espellos ustorios", toda unha sorpresa no paradigma de armas bélicas non convencionais, que achado!

Anónimo dixo...

ja,ja...lembro que cando empecei a estudar galego diferenciabamos LÚA 'satélite' de LUNA 'espello', a diferenza desactivárona e todo é lúa para lunáticos!!!

angola dixo...

Esta tradución ten máis sorpresas: hai un " gato pescando imágenes en un arroyo" que se resolve na nosa marabillosa lingua en " gato pescando imaxes nun regato", non é prodixioso?

orola dixo...

Si que o é. Cousas coma esa satisfan as expectativas de calquera tradutor que ame o seu traballo. Parabéns, a todos. Unha brinde pola auga purificada de Octavio Paz disparando imaxes a mazo e sen previo aviso.

poesiapopi dixo...

Queridas tertulianas e tertulianos, e que me decides do PROEMA? un dignísimo prólogo poético indignado ao país das marabillas octavianas, cheo de piroctecnias explosivas que moi lonxe de disiparse quedan aí petrificadas, para alegría de nenos, mozos e vellos... maxia pura e dura rebentando os valados da linguaxe de granxa.

Anónimo dixo...

Moi ben observado, Popi. Es un auténtico as de espadas, neno!