22/06/11

OS ESTADOS REUNIDOS DO METAL COAS CAÍDAS MANCOMUNADAS DO LUME

No interior da súa bóveda, o Ogal fixo agromar as súas mans coma talos. As súas unllas dadas volta nun oco do espazo que se expande oco, espelexan dentro del, o corazonciño enferruxado deica o cheiro mesmo do sangue.


A man métese por unha ferida do esfolado, a man de cinco linguas fendidas que se afastan, se arredan, se separan, se separan...


E daquela a visión do gran Brillante das chamas, ourizado de gadoupas e xestos duros...remonta, a forza de gumes, o transcurso dunha idade na que bate, con descargas de lúa negra, a á asubiante e penetrante, a á de plumas-facetas de avecoitelo.


E a Ave Negra recoñece os rastros dun gran incendio.


A Paisaxe Negra recoñece as pegadas dunha ave nocturna.


Aquí, dicía unha vez, aquí aprendo a desfacer o meu corpo...


Esgacei o meu corpo, esa mandíbula que rodea un oco. E o meu xesto é un espazo cercado, o molde en gadoupas radiadas, reversible á maneira dunha luva da noite tacholada...


E prefiro abrir as mans.


Os meus ollos precipitáronse por todas partes, atravesando o ver e o durmir.


As pantasmas, se aparecen, terán a cor baleira da media lúa sobre o plano de metal.


O que é vermello espesarase ata acadar a densidade do negro.


Un sol do mañán, coa súa calor de crueldade crispada, atraparanos mañá, como máis tarde explicaremos.


Adeus...e que mellore! Que vellas se volven as tumbas se eu rexuvenezo! O Sombraferro, o meu compañeiro transformado en muller pola graza da femia de aceiro e do raio do mesmo sexo; o Sombraferro, o meu guía, concebirá fillos da miña memoria.


JEAN-PIERRE DUPREY (1930-1959), texto publicado na revista neosurrealista "Phases" nº 2






FOTOGRAFÍAS SURREALISTAS







Ningún comentario: