26/06/11

A GUERRA E O UNIVERSO







                                                                         1916-1922
                                                         
                                                                            Prólogo




Tendes sorte.
A vergonza non chega ata os mortos.
Apaga pois 
o teu odio polos difuntos asasinos.
O líquido máis puro lavou
o pecado da alma emigrada.


Tendes sorte!
Sen embargo eu,
a través das liñas da fronte,
a través do balbordo,
como sosterei o meu amor de ser vivo?
Un paso en falso
e as farangullas do máis insignificante dos amores
rolarán para sempre ao abismo do fume.


Que é
para os que regresan
a túa mágoa?
Que é
para eles a liña dos poemas?
Paralizados con patas de madeira
eles xa non quererán outra cousa
que seguir renqueando ata a fin dos seus días!
Tes medo?
Covarde!
Matarante!
Ti poderías vivir,
aínda que escravo,
máis de cincuenta anos.
Mentira!
Sei 
que baixo a lava dos ataques
serei
o máis afouto
o máis botado para diante.
Ah! Que valente
se negaría a respostar
á chamada de clarín dos tempos por vir?
Eu son
nesta terra
o único heraldo das verdades en marcha.


Hoxe exulto!
Sen beber nin pinga
cheguei á meta da miña alma.
A miña solitaria voz humana
érguese 
entre berros
entre prantos
no día que nace.


A ver! Veña, animádevos!
Fusiládeme, poñédeme contra o paredón!
Non serei eu quen cambie de cores!
Queredes
que pegue un as na fronte
para que brille máis a diana?


Fragmentos










É posible 
que ao tempo-camaleón
xa non lle queden
cores.
Unha sacudida máis
e volverá caer 
teso e sen alento.
Se cadra a terra
ebria de fumaredas e batallas,
non levante máis cabeza.
Se cadra...
Non, 
iso non é posible.
Un día ou outro o encoro dos pensamentos farase cristalino,
un día destes verá a púrpura que aflora dos corpos.
E sobre os cabelos ourizados do espanto
retorcerá as mans, xemendo:
" Meu Deus,
que fixen?"
Non,
iso non é posible.
Cóidate, peito,
do alude de desesperanza:
furga e tantea na alegría futura.
Mirade
se queredes:
do meu ollo dereito
fago saír
un ramallo de flores.
Pensamentos, multiplicade eses paxaros barrocos.
Cabeza
bótate para atrás de entusiasmo e orgullo.
Miña mente
leda e chea de razón,
mente construtora,
inventa cidades.


Na alba dos meus ollos luminosos
vou cara
todos aqueles cuxos dentes
aínda rinchan de rabia.
E ti, terra,
érguete
como milleiros de Lázaros...
Alegría,
alegría!
A través das columnas de fume
sorprendo
a claridade dos rostros.
A primeira en erguerse
é Galicia,
entrabrindo o seu ollo magoado.
Agocha nos pastos o seu fango esgazado.


Descargándose do peso dos canóns,
uns tras outros erguen as súas chepas
e lavan no céo a súa branca cabeleira ensanguentada,
os Alpes,
os Balcáns,
o Cáucaso,
os Cárpatos.


E por riba deles,
máis arriba aínda,
están os dous xigantes.
Un deles ergue o seu corpo dourado
e implora:
"Abéirate,
subo cara ti dende o meu leito socavado polas bombas"
É o Rhin
que lambe con beizos húmidos
a cabeza do Danubio tallada polas minas.


Mesmo nos outeiros, refuxiados 
tralas murallas da China,
mesmo nas areas onde Persia se perde,
cada cidade
que antes ouveaba
ao respirar a morte,
agora fica iluminada.
Murmurios.
A terra enteira
entreabre os seus beizos negros.
Forte, moi forte,
como un urro afuracanado,
séntese que di:
"Xurade
que nos segaredes máis vidas!"
E os ósos dos enterrados
saen das tumbas cubertos de carne.


Viuse algunha vez 
pernas talladas
andaren á procura
dos seus amos;  cabezas arrincadas
chamaren polo seu nome?
Ollade como 
un par de pernas vivas
andan á procura 
daquel corpo lisiado.
Do fondo dos océanos e dos mares,
afogados voltos á vida navegan a toda vela.
Oh, sol!
Quéntaos nas túas mans,
lambe os seus ollos coa lingua dos teus raios!
Agora podemos
rir na túa cara, vello tempo
enrugado!
Sans e salvos volvemos a casa.
Entón,
por riba de rusos,
búlgaros,
alemáns,
xudeus,
de todos,
nun céo sereno,
incendiado
dun extremo a outro,
sete mil cores empezaron a brillar
sete mil cores de diversos arcoiris.
Por riba do entullo,
por riba de batallóns en fuga,
oiuse
un eco desconcertado:
"A-ah!..."
O día que así nacía era tal,
que os contos de Andersen
se puxeron a reptar ao seus pés
coma cans recén paridos.


Agora parece mentira
que eu chegase a andar
a tentas e cheo de sombra,
por aquelas crepusculares canellas.
Hoxe
unha meniña diminuta
recibe na unlla do maimiño
máis sol do que nunca antes
houbo no globo terrestre.


O home abrangue a terra
cos seus grandes ollos.
Ese neno
co seu traxiño novo
é un neno grave
e, orgullosos, rimos del.


Como curas
que para evocar o drama da redención
se adiantan coa ostia,
cada país
vén cara ao home cos seus agasallos.


"Da vastísima América tráioche a forza,
a potencia das máquinas"
Eu douche as cálidas noites napolitanas,
di Italia.
Quen abafe de calor,
que se abane coas follas das palmeiras.
"Para o que morre de frío co xeo do Norte,
velaquí o sol de África."
"Para quen arde ao sol africano,
estas neves que baixan 
das montañas do Tíbet"


"Francia,
primeira entre todas as mulleres,
trae a cor púrpura dos labios"


"Grecia, a xente nova,
a espida perfección dos seus corpos"
"Que voces son máis potentes
que as que mellor se xuntan nun canto?
Rusia
ábrenos o seu corazón 
nun himno de lume"


"Homes, 
Alemania tráevos
o seu pensamento tallado polos séculos"
"Dos subsolos
bañados en ouro,
a India
ofértanos os seus tesouros."


Gloria ao home!
Gloria e vida ao home,
polos séculos dos séculos!
A cada ser vivinte,
gloria,
gloria,
gloria!"
Ata quedar sen folgos.
pero tamén chego eu.
Prudente,
enorme,
torpe.
Estou magnífico
coa máis brillante
das miñas innúmeras almas.


Dou cos aduladores,
dou coa xente festeira,
-mapocado corazón,
non batas así!-
É ela 
que vén ao meu encontro
-Bo día, querida!"


Acariño
cada un dos seus cabelos,
crechos, 
dourados.
Oh, que ventos
de que sur
obraron o milagro do corazón que non morre!
Os teus ollos florecen,
son dous claros no mato.
Como un neno contento
fago un pinchacarneiro.
E todo arredor miña
sorrí.
Bandeiras.
Cores a eito.
Todo pasa.
Todo se subleva.
Xente.
Atravesan.
Corren.
En cada mozo a pólvora de Marinetti.
En cada vello a sabedoría de Hugo.


A capital non ten
labios abondos para sorrir.
Todos
fóra das casas,
ás prazas,
fóra.
De cidade en cidade,
coma globos prateados fagamos soar
a alegría
a risa
as campás.


É como para non entendelo-
o ar é
unha flor
un paxaro?
Todo canta
e arrecende,
todo é multicolor,-
e iso
alumea o braseiro dos rostros,
e a razón embebédase
co máis selecto viño.
Non só os homes
da alegría
mudaron as súas caras;
os animais rizaron a pelaxe,
os mares,
onte bravos,
hoxe téndense aos nosos pés.


Semella incrible
que os mesmos acoirazados
que onte trousaban morte
nestas praias
que xa esqueceron o cheiro a pólvora,
leven aos tranquilos peiraos
cantidades inxentes de trivialidades.


Como seguir temendo os canóns?-
Aqueles 
tan calmos
serían quen de destruír?
Pastan
acougados
nun campo,
diante da miña casa.


Non é farsa
nin sátira-
no medio do día,
cheos de razón
e de dous en dous,
os zares camorristas
pasean
baixo a ollada das nodrizas.
Di, Terra,
de onde nos vén tanto amor?
Imaxinade-
alá,
baixo unha árbore,
alguén viu
a Caín e a Cristo
xogando ao xadrez.


Ti non ves nada,
chiscas os ollos, buscas.
Os teus olliños-coma dous furados.
Ábreos xa!
Mira:
os meus ollos
son a porta aberta dunha catedral.
Homes!-
Queridos,
non queridos,
coñecidos,
descoñecidos,
pasade por esa porta nun vasto cortexo.
E entón,
o libre,
o home que eu chamo,
virá,
crédeo,
crédeme


MAIAKOVSKI ( 1894-1930 )




pavimentando con baldosas de ríos
(título meu polo de agora)



2 comentarios:

gatopistola dixo...

excelente trabajo, felicitaciones!!!!

angola dixo...

É un pracer, grazas a ti.