28/06/11

ALTAZOR / VICENTE HUIDOBRO







CANTO III

Romper as ligaduras das veas
Os lazos da respiración e as cadeas

Dos ollos sendeiros de horizontes
Flor proxectada en céos uniformes

A alma pavimentada de lembranzas
Como estrelas talladas polo vento

O mar é un tellado de botellas
Que na memoria do mariño soña

Céo é aquela longa cabeleira intacta
Tecida entre mans de aeronauta

E o avión trae unha linguaxe diferente
Para a boca dos céos de sempre

Cadeas de olladas nos atan a terra
Rompede rompede tantas cadeas

Voa o primeiro home ao iluminar o día
o espazo creba nunha ferida

E devolve a bala ao asasino
Eternamente atado ao infinito

Cortade todas as amarras
De río mar ou de montaña

De espírito e lembranza
De lei agoniante e soño enfermo

É o mundo que torna e segue e vira
É unha última pupila

Mañá o campo
Seguirá os galopes do cabalo

A flor comerá a abella
Porque o hangar será colmea

O arcoiris farase paxaro
E voltará ao seu niño cantando

Os corvos faranse planetas
E terán plumas de herba

Follas serán as plumas tépedas
Que caerán das súas gorxas

As olladas serán ríos
E os ríos feridas nas pernas do baleiro

Conducirá o rabaño ao seu pastor
Para que durma o día canso coma avión

E a árbore pousará sobre a rola
Mentres as nubes se fan rocha

Porque todo é como é en cada ollo
Dinastía astrolóxica e efémera
Caendo de universo en universo

Manicura da lingua é o poeta
Mais non o mago que apaga e prende
Palabras estelares e cereixas de adeuses vagabundos
Moi lonxe das mans da terra
E todo o que di é por el inventado
Cousas que pasan fóra do mundo cotián
Matemos o poeta que nos ten saturados

Poesía aínda e poesía poesía
Poética poesía poesía
Poesía poética do poético poeta
Poesía
Demasiada poesía
Desde o arco da vella ata o cú pianista da veciña
Abonda señora bambina
E aínda ten reixas nos ollos
O xogo é xogo e non ladaíña infatigable
Sorriso o riso e non lampadiñas de meniña
Que rodan da aflicción ata o océano
Sorriso e falafurías de estrela tecedeira
Sorriso do cerebro que evoca estrelas mortas
Na mesa mediúmnica das súas irradiacións

Abonda señora arpa das belas imaxes
Dos furtivos como iluminados
Outra cousa outra cousa buscamos
Sabemos pousar un beixo como unha ollada
Plantar olladas coma árbores
Engaiolar árbores coma paxaros
Regar paxaros coma heliotropos
Tocar un heliotropo como unha música
Baldeirar unha música como un saco
Degolar un saco coma un pingüín
Cultivar pingüíns voma viñas
Muxir unha viña coma unha vaca
Desarborar vacas coma veleiros
Peitear un veleiro coma un cometa
Desembarcar cometas coma turistas
Enbruxar turistas coma serpes
Colleitar serpes coma améndoas
Espir unha améndoa coma un atleta
Leñar atletas coma alciprestes
Iluminar alciprestes coma farois
Aniñar farois coma calandras
Exhalar calandras coma suspiros
Bordar suspiros coma sedas
Verter sedas coma ríos
Ondear un río coma unha bandeira
Desplumar unha bandeira coma un galo
Apagar un galo coma un incendio
Bogar en incendios coma en mares
Ceifar mares coma searas
Repinicar searas coma campás
Desangrar campás coma años
Debuxar años coma sorrisos
Engarrafar sorrisos coma licores
Engastar licores coma alfaias
Electrizar alfaias coma solpores
Tripular solpores coma navíos
Descalzar un navío coma un rei
Colgar reis coma auroras
Crucificar auroras coma profetas
Etc. etc. etc.
Abonda señor violín afundido nunha onda onda
Cotiá onda de relixión miseria
De soño en soño posesión de pedrerías

Despois do corazón comendo rosas
E das noites de rubí perfecto
O novo atleta chimpa sobre a pista máxica
Xogando con magnéticas palabras
Caldeadas como a terra cando vai saír un volcán
Guindando sortilexios das súas frases paxaro

Agonía o último poeta
Tanxen as campás dos continentes
Morre a lúa coa súa noite a costas
O sol tira do peto o día
Abre os seus ollos á nova paisaxe solemne
E pasa dende a terra ás constelacións
O enterro da poesía

Todas as linguas están mortas
Mortas en mans do veciño tráxico
Hai que resucitar as linguas
Con sonoros risos
Con vagóns de gargalladas
Con cortacircuitos nas frases
E cataclismos na gramática´
Érguete e anda
Estarrica as pernas anquilose salta
Lumes de risa para a linguaxe tremelicando de frío
Ximnasia astral para as linguas tolleitas
Érguete e anda
Vive vive coma un balón de fúbol
Estala na boca de diamantes motocicleta
En ebriedade dos seus vagalumes
Vertixe si da súa liberación
Unha bela loucura na vida da palabra
Unha bela loucura na zona da linguaxe
Aventura forrada de desdéns tanxibles
Aventura da lingua entre dous naufraxios
Catástrofe preciosa nos raís do verso

E posto que debemos vivir e non nos suicidamos
Mentres vivamos xoguemos
Ao simple sport dos vocablos
Da pura palabra e nada máis
Sen imaxe limpa de xoias
( As palabras teñen carga de máis)
Un ritual de vocablos sen sombra
Xogo de anxo alá no infinito
Palabra por palabra
Con luz propia de astro que unha colisión volve vivo
Saltan faíscas da colisión e mentres máis violenta
Máis grande é a explosión
Paixón do xogo no espazo
Sen ás de lúa e pretensión
Combate singular entre o peito e o céo
Total desprendemento á fin de voz de carne
Eco de luz que sangra ar sobre o ar

Despois nada nada
Rumor alento de frase sen palabra.

VICENTE HUIDOBRO: Altazor, 1931


Ollo-encoro





PEQUENO MANUAL DE RETÓRICA ou como entender os recursos literarios

APUNTAMENTOS SOBRE A VANGARDA entendendo como tal as correntes artísticas nacidas a principios do séc.XX para rexeitar na súa totalidade toda tradición anterior.

AS MULLERES NA VANGARDA ou breve repaso de señoras que neste país tiveron que xestionarse contra corrente.

O ULTRAÍSMO ou mestura de todos os movementos de vangarda para facer unha arte rupturista de fusión


Ningún comentario: