07/05/13

Manoel Antonio: De catro a catro





INTENCIÓNS

Encheremol-as velas
c'a luz náufraga d'a madrugada
Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
d'o pailebote branco
c'as suas mans loiras
acenan mil adeuses as estrelas

Inventaremos frustradas descobertas
a barlovento d'os horizontes
pra acelerar os abolidos corazóns
d'os nosos veleiros defraudados

Halaremos pol-o chicote
d'un meridián innumerado
N-a illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso d'a cidade

Ela noitámbula desfollará
como unha margarida prostibularia
a Rosa d'os Ventos d'o noso corazón

Encadearemos adeuses d'escuma
pra todal-as prayas perdidas
Xuntaremos cuadernos en branco
d'a novela errante d'o vento
Pescaremos n-a rede d'os atlas
ronseles de Simbad

E cazaremol-a vela
sobre o torso rebelde d'as tormentas
pra trincar a escota d'unha ilusión.







A FRAGATA VELLA

Te-los ollos distantes
decorados de rostros xoviais
que os vellos mariñeiros
permutaron polos climas antípodas

Levas no leme
un pulo de brazos tensos
que retorceron os largacíos
horizontes d'o mar

O vento
atortorando
desfollou dos velamios
outonos de mocedades

Mercabas colares circunmeridiáns
nos bazares de estrelas
Amarrabas faros dispersos
co simblador calabrote do ronsel

Floreciches no mar
primaveras amargas
de foulas e escamallos

Inda que o vento encalme
tremela nas túas velas
unha rafega de transmigracións

Nese teu corazón innumerábel
tamén enchen e devalan
as mareas do meu corazón.




TRAVESÍA

Troqueles reiterados

  o reloxe e o Sol
alcuñaron moedas efímeras
que repetían todas
a mesma cara e a mesma cruz

  A costa e o Mar
escamotearon unánimes dorsos
  permutadores d'a mesma
loxincua evasión

  Temos un estrangoado diagrama
repasado por todol-os novelos d'horizonte
que viraron a proa e a Rosa d'os Ventos

  N-a fasquía d'os barcos anónimos
postos a flote pol-a madrugada
  estraviados n-o roteiro d'o serán
  persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel

  Ese intertroque de radiogramas
que reeditaron os faros e as estrelas
  dou-nos a multiplicación monótona
d'as mesmas letras d'o mesmo morse

  Foi a derradeira ráfega de vento
quen nos desfollous de todal-as lembranzas?

  O Mundo
        que xa non sabe
mais que repetir unha volta consabida
  rachou clandestinamente
as follas imprevistas d'os almanaques

  C'as nosas mans suicidas
  espallaremos n-o carroussel d'os ventos
os catro puntos cardinaes
  Mentras
        o timoel
arrumbará proa a Ningures

  Repetiremol-os cansos corazóns
cronometrando monotonías

  N-as velas indecisas
  follea o vento un indelébel
álbum de leit-motiws

  O minuteiro
         (tic-tac)
asumeu o compás d'as travesías







OS CÓBADOS NO VARANDAL

  Atopamos esta madrugada
  n-a gayola d'o Mar
  unha illa perdida

  Armaremos de novo a gayola
  Vai a saír o Sol
improvisado e desourentado

  Xa temos tantas estrelas
e tantas lúas sumisas
que non caben n-o barco nin n-a noite

  Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c'as distanzas
d'as súas áas amplexadoras

  E os adeuses d'as nubes
  mudos e irremediabes

  E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c'o seu viaxe feito
pol-os oucéanos d'o noso corazón.




SOS




  Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

  Roubaron-nos os Sol
  O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

  Roubaron-nos o vento
  Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d'o horizonte

  Este oucéano desatracou d'as costas
  e os ventos d'a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
  As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d'o reloxe
  Pero tamén sabemos a maniobra
d'os navíos que fondean
a sotavento d'unha singladura

  N-o cuadrante estantío d'as estrelas
ficou parada esta hora:
  O cadavre d'o Mar
fixo d'o barco un cadaleito

  Fume de pipa Saudade
  Noite Silenzo Frío
  E ficamos nós sós
  sin o Mar e sin o barco
  nós.





AO AFOGADO


  Xa che levaran os ollos
  relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades

  Xa che levaran a voz
  asolagada n-a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades

  Xa che levaran os azos
  enmallados n-a rede sonora
d'os cordaxes ereutos

  O vento aínda escovaba
c'as poutas d'escuma
  n-a xerfa
          mais cadaleitos

  Ibas xuntando soedades
  Por un burato d'o Mar
chopaches un día a buscar-te

  A noiva goleta
  enloitada de branco
  que cose roitas esquencidas
  acena n-o vento as súas velas
como ese pano d'as despedidas.





GARDA DE 12 A 4


  Envergada n-un mastro d'a Lúa
  agarda-nos a meia noite

  O sino de proa
  emoveita voz astral
  zarpou bogando despedidas

  Estraviaron-se os pasos d'o Mar
n-os vieiros d'o vento desertor
  E perdeu-se pol-a popa
  desamarrado
  o ronsel

  Fomo-nos trasbordando
ao cabotaxe d'as constelacións
  Inventores de pseudo continentes
que imos a descobrir
  esculcamol-as roitas
balizadas de loceiros

  C'un faro n-a man
cronometramos o pulso d'as tormentas
que predín os semáforos astraes
  - Prepara-se un naufraxo
  c'a ausenza cómplice d'o Sol!

Vente ventiño d'o mar
vente ventiño mareiro
Vente ventiño d'o mar
vente noso compañeiro

  E as horas a sotavento
van desviando-se de nós

  A alba intrusa
bateu as catro horas
  Era o sino de proa
que tornaba d'o Mar
a voz desarbolada
o velamio frustrado.






RECALADA


 Atoparemos n-o peirán
as follas evadidas
d'o almanaque d'os nosos soños

  As novas rúas de sempre
eishibirán o escaparate
d'as mesmas noivas inéditas

  Fumaremos n-as pipas despeitivas
todal-as transeuntes
hostilidades mudas

  O vaso desbicado n-outro porto
remataremol-o eiquí n-o mesmo bar
  cabo d'o mariñeiro desconecido
  que nos repite a mesma
ubicua sorrisa loira

  N-os burdeles xa saben
que a nosa moeda
ten o anverso de ouro
e o reverso sentimental

  Os ecos imprevistos
d'o noso cantar sonámbulo
apagarán os focos d'a madrugada

  Mañán despertaremos
n-a ausenza d'esta xornada
  Esquivou-se unha folla
d'o diario efusivo

  Eramol-os espeutadores
n-a prestidixitación
d'unha hora artificial.






NAVY BAR

  Este bar ten balances
  E tamén está listo
pra se facer á vela

  Encheron-nos o vaso
con toda a auga d'o Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

  Pendurados d'as horas
  atlas xeográficos d'esperantos
están sin tradución
  E tatexan as pipas
c'o ademán políglota d'as bandeiras

  Ese cantar improvisado
é o mesmo
que xa se improvisou n-algures

  Quen chegou avisando-nos
d'esa cita noiturna que temos
c'o vento ao N E
n-a encrucillada d'as estrelas apagadas?

  Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Desconecido
  - sin xeografía nin literatura -
  A noite d'os naufraxos
  c'o seu brazo salvavidas
  aferrará con nosco unha vela de chubascos

  O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

  Pol-as rúas dispersas
ibamo-nos fechando
cada un dentro d'a súa alta-mar

  N-o repouso d'algún vaso
todal-as noites naufraga o Bar.




BALADA DO PAILEBOTE BRANCO


Escoitábamos o vento
  rindo-se malévolo
debaixo d'o seu disfraz
  E tamén contou o barco
a hestoria d'o piloto
a d'o gavieiro e a d'o rapaz
  Vós xa sabedes todo
  Eso que dín as estampas
d'o libro de Simbad
  Pero el contou-nos o resto
  "Estreaba o horizonte
unha largacía audaz"...
  O barco foi percorrendo
as cicatrices sentimentaes
que lle deixaron vellos navegantes
  E os adeuses que leva n-a vela
  grabados por miradas
tristes definitivas e distantes
  Un día fixo-se ao mar
c'a parola ceifada n-os beizos
  E xa nunca volveu
  Agora eu busco un vello mariñeiro
  ou unha hestoria d'o pailebote branco
  ou calquer outra cousa...
que sei eu!

  Escoitábamos o vento
  rindo-se malévolo
debaixo d'o seu disfraz
  Pero a hestoria d'o pailebote branco
non-a sabía o piloto
  nin o gavieiro
  nin o rapaz.





O CARTAFOL DO VENTO


  O vento perdeu as follas
d'o seu cartafol
  - Esas que os chubascos
mecanógrafos
  tecolean n-o manual d'os mastros?

  As gavotas non teñen quitasol
  pero fan raudos equilibrios
pol-o aramio transparente
de todal-as ortodrómicas d'o ceo

  O pailebote sin velas
  - serán esas que o vento
levou n-o seu cartafol?
  tamén fai equilibrios n-o ronsel

  C'a boca aberta
  - cai-lle a baba -
  está mirando-nos o babión d'o Sol.






LIED OHNE WORTE


Aboya un esbardar de marusías
tentando os ceos sin atopar a Lua
  Pero a Lua esta noite
desertou d'os almanaques
  Murcha antre duas follas
- violedas pensamentos -
d'o manual póstumo
- outono madrigaes -
que versifiquei eu

  Mansas vagas unánimes
reorgaizan-se detrás d'o vento
  Cando pase a ráfega derradeira
dirá-nos adeus
c'o pano branco d'o gaf-tope
  Alude a un fracaso
de follas amarelas
  e renova-se a sorrisa d'os mastros
  sempre c'as ponlas novas e xoviaes

  Noiva miña
vestida de lua
  que romantizas
¡tan cursi!
pol-o xardín

  Sentei-me a proa
fumando a miña pipa
  Pero outra noite pensarei en ti.



A ESTRELA DESCOÑECIDA



  Eu vin-te decote acobadada
n-aquela fenestra
- tan a trasmán!
  que penduraches d'unha constelación

  O horizonte arrincaba cada día
  pra ti
  a folla d'almanaque d'unha vela

  Pero nunca s'enmallou
n-a falsa rede d'os mapas celestes
a túa loira virxinidade
Cómplice a noite
engayolaba o sestante d'os mariños
inxénuas perversións catalogadas

  Viuva reiterada de todol-os vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan
  Endexamais souberon os cadavres sin rumbo
que ti os amortallabas c'o teu ollar

  Emproáramos a meia noite
  A sotavento d'a nosa singladura
vai decote unha nube desarbolada
  C'a súa esponxa de sombra
  borrou pra sempre o teu mudo perfil

  A alba nova sorprendeu-me
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu.







CALMA DE 6 A 8


  N-a xerfa esbara o Sol
tras d'os ausentes oleaxes
  As velas frouxas
  póstumo rompeolas d'os chubascos
  cosen os farrapos con fíos de sol morno

  Unha gatova ventrílocua
peteirando n-o ouro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboyando

  O sol-por fechará-se
dentro d'o mais intauto disco
  As nosas pipas atentas
  acobadadas ao lecer
  Un intre o vapor intruso
coseu de presa a relinga d'o horizonte

  Alén d'o mundo
está o castelo de proa
  Hai un mariñeiro vello
que ven de volta de todol-os naufraxos
  E trai o fio d'as aventuras
- non se sabe o remate-
que as dársenas estantías
viron evadir-se a bardo d'as bric-barcas
- O capitán Pardeiro
non afogou
"Perdeu-se" canda o bergantín-

  Axustou-se a xordina
  largacía coma unha nosa ollada
  a buguina d'o Mar
  Tremela n'a mareta levián
un remorso ou pesadelo
  O navío
        as mans trincadas
  vai borrando c'os pés o ronsel

  Xa non virá o vento
por que a noite fechou todal-as portas
- Esa luz desvelada
n-a fenestra d'a Lua-

  Ao bater a hora imprevista d'o relevo
coseu as adoas soltas
d'o toque d'as Trindades
  O ceo foise abuado e friorento

  Todo finou?
        Oh miragre!
  As mesmas estrelas
  aínda están
  aínda están alí.





DESCOBERTA

  Quen fechou esta noite
a fenestra azul d'o Mar?
  Este Mar fuxitivo
de todal-as riveiras
  Náufrago d'o neboeiro
que desviou o rumbo
d'os puntos cardinaes

  Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
  Desourentaron-se os arroaces
  intrusos e impunes

  Hoxe ninguén dá c'a relinga
pra aferrar os panos d'o horizonte
  E este serán tampouco
engayolaremol-o Sol

  O Sol era un paxaro triste
que se pousaba n-o penol.





LECER

  Gavotas que levan n-o peteiro
as cartas d'os mariñeiros namorados
  Vapores burgueses
que nos ofrecen o remborque d'o seu fume
  Pero as nosas velas encalmadas
espantan a bandazos
as horas como moscas

  Vigo está tan lonxe
que se desourentaron as cartas mariñas

  Unha pipa mais
de vagar
  deicar ver a hora que dá o reloxe

  Entra unha fría de vento?
- moi ben!

  Enrolará-se a pausa
n-as suas espiraes

  E non sabemos
  (abonda xa de paréntesis)
engadir-nos outra volta
a todo eso que se nos esquenceu.





S.O.S

  Todos presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
  E o faro estraviado
daba o S-O-S
n-o morse
          - clave Orión -
                        d'as estrelas

  Eses brazos abertos d'a vela
son os mesmos d'o vento
que se despreguizou
  N-a man d'o Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
  A estrela d'os cabarets
  c'un cigarro n-os beizos
  pide lume aos catro puntos cardinaes
  Pol-a Galaxia chea de seixos
un astro vello vai c'o seu farol

  Que dan os almanaques
pra esta meia-noite?
  Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
  E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S-O-S.



AO REVERSO DA NOITE


  Loceiros degolados
desangran-se de ouro n-o Mar

  De par de nós
               a Lua
fai ronseles infecundos

  Mentres sonea a mareta
vai folleando n-o libro d'as velas

  Irredentos velamios eshaustos
  resiñados a pendurar d'a cruz

  Estrelas inconscentes
mecanizan o ouseso tic-tac

  A auga toda d'os oucéanos
ensumeu-se n-unha bágoa

  E o pano branco d'o novo día
enxugará os ollos d'o ceo.



ADEUS


  Antre a calima
                         traspondo o meu ollar
  esquivou-se o velamio
  Deixou-nos a badía
chea d'a súa ausenza
e a mañán sin perspeitiva

  Agora en terra
  arredado de min-mesmo
por un oucéano de singladuras
  o vento d'a Ría
vai virando a folla de cada emoción

  - O Sol indiferente
  Sirena augardentosa d'os vapores
  Un retrayo de fume
n-o rompeolas d'a paisaxe
  Os engranaxes d'a grua
esmoen a mañán morna -

  Debaixo d'os meus pasos
xurde o ronsel d'a Vila natal
  Ela c'os brazos cheos de sono
teima salvar-me d'un naufraxo antigo
  E os meus ouvidos incautos
queren dormir n-o colo
d'as cantigas vellas

  Eu cacheaba todol-os segredos
d'as miñas mans valdeiras
  por que algo foi que se me perdeu n-o Mar

  ... alguén que chora dentro de min
por aquel outro eu
que se vai n-o veleiro
                              pra sempre
                              coma un morto
c'o peso eterno de todol-os adeuses.








Manoel Antonio: De catro a catro, 1928

















Ningún comentario: