08/10/10

MENHIR 6

  MENHIR DA PARTIDA







              
                              
caraveliña de montpellier



Despedida en ascensor

Adeus miña caravana
Meu refacho de loucura
Vereite algunha semana
No lado escuro da lúa

1
chegarás coma decote
pura improvisación
ceibarás xunto cun nome
un arranque de acordeón

2
o clarinete da risa
non se pode reprimir
pos na miña vida lisa
enruguiñas de elixir

3
espida como unha fada
vas nadando polo mar
andas pola miña ollada
como sirena a aboiar

4
mergullas nas miñas mans
como un seixiño pulido
sáenche do alento imáns
a volvérenme cautivo

5
o tempo de cuarzo ferido
atravesa lento o cuarto,
latexa en minutos espidos
labrado polos meus brazos

6
cando te observo deitada
ao sol morno do meu peito
éntranme pola ollada
saudades de non ser fento

7
coas miñas mans acado
ocos de profundas minas
douchas eu mesmo a puñados
as xemas con que te mimas

8
non sei se ti es consciente
do que está a suceder
un debecer insistente
por querernos volver ver

9
se un día tomas camiño
noutro lugar deste mundo
non esquezas o meu niño
tranquilo doce e profundo

10
cando te vas reformulas
o espazo que atrás deixas
neste oco  quedo á espreita
de te ver chegar nas rúas

11
naquel tempo extraordinario
que de ti nada sabía
queda o pensamento estraño
de saber que te intuía

Adeus miña caravana
Meu refacho de loucura
Vereite algunha semana
No lado escuro da lúa

Instrucións: pódese ler de norte a sur ou de sur a norte, por estrofas ou por liñas.O resultado comunicativo é o mesmo, só hai cambios na formulación.

RESERVA COMANCHE SEN COMA E ÉNFASE NO CHE 2010


Saraares




cuncheiro





Ningún comentario: