05/07/11

A ELOCUENCIA DOS CEMITERIOS



encrucillada irregulada por semáforos








A morte é o silencio recobrado. Santuario de silencios. Xardíns de pedra. As cidades da historia cultivada en terra da linguaxe. En realidade a nosa existencia, o rápido espellismo que supón a nosa vida, é só unha interrupción do noso estado natural, como a materia inerte ou lene palpebrexo da memoria ou fotograma en branco. Aquí o home voltará ser el, sombra petrificada do seu medo, na súa miseria trastorno ou loucura. Ausente xa da súa propia vida, nos cemiterios volta posuírse, ocupando para sempre o seu lugar no tempo, perdido para sempre o seu lugar no espazo, expulsado da vitoria soñada polo corpo sobre a morte. Un non pode evitar nos cemiterios sentirse lenemente ameazado, inerme e só, ao traspasar eses muros que protexen os vivos dese enxordecedor silencio urbanizado, como se ao mundo lle baixasen o volume de súpeto. Só os nomes definen no mármore o que non somos xa e a vida é unha visión de vinte letras. A relación coa nosa propia historia toma corpo na tumba coa posesión dun único espazo, coa verdadeira medida do que somos: un metro oitenta de gloria ou de fracaso. A chantaxe dos mortos á nosa memoria, os ósos presentes no pensamento, a dexeneración, os vérmes, un simple proceso químico, a ausencia de moral e as moscas sempre presentes na imaxe dun cadáver. Podremia, mofo, musgo no espírito, pasos nagrádevos do noso subconsciente e a sensación de perigo de non querer ser máis que un epitafio que defina un soño cando o meu líquido vital se convirta nun nome unido ao espazo. Nunca se resignou.

Guión para TVG, emitido o 6 / 07 / 1988

LOIS PEREIRO: Modesta proposición e outros ensaios para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia , Edicións Xerais, 2011

Ningún comentario: