17/04/11

DENDE MUROS PARA O MUNDO



COPLAS POPULARES

Adeus Muros, pequeniño,
a popa vouche virando,
non sei que me queda dentro
que os meus ollos van chorando.

Adeus Muros, pequeniño,
ben te podías loubar,
Santiago con ser máis grande
non che ten porto de mar.

Un pícaro dun lateiro
moreniña me chamou,
moreniña son por certo,
para ti lateiro non.

Algúns días algo, algo,
agora malpocadiño
xa non me queren as mozas
porque vou acabadiño.

O cabiño de Fisterra
é cabo de moita altura,
onde os barcos do rei
toman a caladura.

O río de Badernado
paseino de pedra en pedra,
cunha variña na man
e unha fita verde nela.

Adeus, que marcho do mundo
porque a terra xa me chama,
se non queres que me vaia
dáme o teu sangue, serrana.

Serres éche bo lugar.
Serres é o purgatorio
onde as almas van penar.

Tres días hai que non xanto,
senón bágoas por pan,
eses son os alimentos
que os amoríos me dan

As de Louro e as de Lariño?
para beber pola bota,
as da Virxe do Camiño!

O meu home é un ciumento
e cos seus ciúmes me mata,
ciúmes se vou a misa
ciúmes se quedo na casa

Badernado sona ten
Badernado ten a sona
de cantar e bailar ben.


se che interesa a literatura popular AQUÍ poderás atopar máis coplas muradanas clasificadas tematicamente. Para o meu ver, non teñen desperdicio. Hainas por todo o país. Son a fonte de toda literatura de autor e están intimamente ligadas ao cantigueiro popular. Toda a Península Ibérica é unha potencia mundial deste tipo de produtos culturais de transmisión colectiva e autoría anónima. Unha feliz alianza entre a música e a literatura para a cal non se neceista máis instrumento que unha voz ben afinada e un peito aberto.


O que aparece en color son nomes de lugares da contorna muradana. Para os filólogos esta é unha zona moi peculiar porque presenta numerosas subáreas dialectais de enorme interese lingüístico. É frecuente que nas coplas populares se faga louvanza da terra en que nacen así como das virtudes dos seus habitantes. Eu da predisposición da xente de Badernado para o cante e o baile dou fé por telos visto e oído. E nunca deixarán de sorprenderme. Uns apuntamentos: a última vez que oín cantar o eixo do carro foi nun camiño cara a Badernado, era una tarde poallenta e a humidade do ar imprimía un aire melancólico ao sons que circulaban. Os bois arrastraban a cámara lenta un carro cheo de herba recén cortada e a paisaxe acústica xerada quedoume gravada na memoria para sempre. Noutra ocasión pasou un home xa vello empurrando unha bicicleta das que se chamaban alí portuguesas, grande e de ferro, con enormes rodas e dinamo. Non lle apetecía pedalear e botouse a andar cantando, e cantaba:

Guadalajara en un llano
Méjico en una laguna
Guadalajara en un llano
Méjico en una laguna
donde cantaban la fe...
donde cantaban las fe...


donde cantaban la feas
porque guapa no hai más que una!

Imaxe do disco de Keltoi A nosa cinza



DOUS ENLACES
AQUÍ poderás ver un  documental etnográfico sobre o carro do país realizado no ano1941. Titúlase O carro e o home, tamén está en youtube en dúas partes. A disfrutalo!

2 comentarios:

angola dixo...

Fuchicando entre vellos cadernos topei un microdiálogo entre dúas vellas aldeás:

- buenos días, visiña!
- se os deixasen en pas estaban ben!

saraares dixo...

Refuchicando na memoria raw topei unha xoíña: CON VERTE NON ME MANTEÑO.
versión radiactiva:
CON LERTE AÍNDA MENOS.