17/12/10

Uberto Stabile, Os Impostores





Os impostores

O esquecemento é a madrugada onde o medo os fai fortes
Son coma amantes inexpertos despedíndose unha e outra vez
Sen terminar de pronunciar nunca o adeus definitivo.

Os impostores coñecen todas as entradas e todas as saídas dos soños
Todos os rodeos que hai que dar para chegar antes a ningures
Os impostores sucédense un tras outro
Confundidos entre o neboeiro e o amor cego
Son o ir e vir dunha mesma cousa
O prazo dunha débeda que non se paga.

Eles trazan as fronteiras de países imaxinarios
E xogan a conquistalos desafiando o medo
Son audaces ante a adversidade e pálidos baixo o lume
Eles sempre andan ao axexo
Na súa louca carreira por non seren advertidos
Fronte a verdade son invisibles
Mudos fronte ao silencio

Os impostores nunca teñen o mesmo rostro
Nin usan palabras que os delaten
Emboscados nos seus vellos gabáns
Os impostores pasean espreitantes so a chuva.

Din vir de lonxe
Pero son sempre do mesmo lugar
As súas pegadas non perduran
As súas mans frías mudan de cor
Cando alguén as estreita.

Os impostores habitan o amor
Coma quen habita unha casa baleira
Menten para sobrevivir
E viven coa incertidume atada ao pescozo.

Os impostores engánannos coas súas certeza transparente
Condúcennos sen tregua nin parada ao lugar de sempre.

Os impostores somos nós
Cando pechamos os ollos
Ante o amor que doe

Uberto Estabile


                     http://www.autoresenlared.com/v2/antologias/Uberto_Stabile.pdfç

                     http://amarellesbravos.blogspot.com/2010/12/xiga.html

http://amarellesbravos.blogspot.com/2010/11/soneto-do-amor-total-vinicius-de-moraes.html

                    

Ningún comentario: