04/12/10

Caos concéntrico

Cor vermella evoluíndo


Furando a realidade
acado raspaduras de soños esfolados


Fanicando os días 
estrago proxectos para obter escolmas de avarías


Lañando o tempo
recorto mensaxes
en toros irregulares


Esfiañando obrigas 
tezo urdiumes 
con trazos clandestinos


Esgazando bandeiras que son trapos
racho co pasado e
esmago o porvir en cru


Esmigallando as horas
pulverizo os reloxos
moio os minutos
esfarelo os segundos
quedo só con frangullas de eternidade
poño en liña recta e vertical 
os compases


Fendendo o presente
abro grechas onde agochar
un insecto verde 
con élitros en aspa


Britando a terra abandonada
desintégrome
antes de que todo se recompoña
e cadaquén volva ao seu sitio


Todo en orde
Todos colocados
No seu caos exacto
Que descontrol!