As fisuras na columna ruinosa deixan escapar o murmurio do serán.
Evapórase envorcándose docemente na herba escumosa.
De novo e máis alá debemos esforzarnos por oír o que xorde do descoñecido.
Atentos a todos os sons, os que se incrementan e os que se disipan, e mesmo os que xemendo se sosteñen á sombra sucia e colérica da desgraza.
Este é, en efecto, un periodo de menosprezo, de arrogancia, e de suposición desconfiada.
A hora chea de medo pediranos dende o principio quedar ao abrigo da nosa propia desorde.
Sen embargo, a subtileza luminosa do outono revela con indiferenza que as augas do río que provén do noso ser primitivo brillan ás veces con resonancias que anuncian o principio dun himno aínda abondo salvaxe.
Este tipo de inflexións cada vez máis acentuadas acabarán por rolar co fluxo continuo da vida morna.
Entón, por momentos, semella unha organización con certo ritmo pero que sae unicamente do caos.
En canto a nós, ávidos de escoitar fortes acentos de poderío, exasperados, tremelicantes, a nosa exaltación vólvese éxtase se, desprendéndonos para sempre dos catro elementos, esquivamos a calma sufocante do desespero coa fin de dar co canto perfecto, case imperceptible mais perturbador, que de súpeto cae en fervenza das estrelas.
Elie-Charles Flamand
La Lucarne Ovale, 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario