29/10/10

MENHIR 8





MENHIR DO DESEXO


DIÁLOGOS EN DIFERIDO

Apontoados na distancia dos ecos
Somos dúas pingas calcáreas
Solidificándose eternamente
Ata caer nesa oquedade absurda
Do silencio da galería

Asíduos visitantes importunan
A nosa transformación cuántica en espacios circulares
Por onde esvaran os nosos soños cacarañados
Mesturados co seu escandaloso esborrexer
Polos chanzos asimétricos que os internan cada vez máis adentro
Cada vez máis fóra de si mesmos
Fundíndonos todos en perpetua aliaxe de cables mutantes

Observo pormenorizadamente
O labirinto negro das túas meniñas esculcándome
Adíome aínda un pouco
No lago irisado
De escamas de carpas volátiles
A faiscaren na tona da verde cobregante
Dos teus cómaros errantes

Estantío instante en que
Esteas que somos destinadas a atopárense
Delongámonos ata sermos só
Proxectos de árbores inmutables
Botando raigames
Nos intrincados arames
Que abalan a bóla terrestre
Cara ese algures impenetrable
Dos espacios cósmicos curvándose
Ti e máis eu colindantes
Entrelazando en apertas celulares
As pólas minerais
Das follas nigromantes
Caen xa pelouros líquidos
De arriba para abaixo a pararen
De abaixo para arriba petrificándose

Estalactita ti, estalagmita eu iniciándome.

Que meniño absurdo
Virá nese mañán inminente
De aquí a tantas eras
Eivado de eiras salvaxes
Ollar como encetamos a anos luz da nosa singradura
Ese primeiro beixo espreitante?
Que traxectoria tomarán
As nosas xeiras de cadáveres ambulantes
Cando xa os milleiros de beixos se transformen
Un dia amante calquera
En beizos de diamante
Desexo puro crispándose?

Estalactita eu, estalagmita ti
A propagármonos
Solidarizándose
Cada día unha micra de segundo
Cada ano unha hora
Cada milenio unha tarde

Que raro alambique nos transforma?
En que alquitara dos vencidos se está a destilar
Este quererse dar ata tocarse implacables
No frío esférico do mármore
Teimudamente axexantes