16/07/13

Do país da cultura / FRIEDRICH NIETZSCHE





" Adentreime voando de máis no futuro e fun presa do horror.
E cando mirei ao meu redor, velaí que o tempo era o meu único contemporáneo!
Entón volvín atrás, fuxindo cada vez máis rápido- así cheguei a vós, os homes do presente, e ao país da cultura.
Por primeira vez cheguei ben disposto cara a vós, mesmo ateigado de saudosa angueira.
Pero, que me pasou? A pesar da miña vergoña tiven que rir!. Nunca vira nada tan parrandeiro!
Rin a cachón, mentres me tremían as pernas e o corazón. Velaquí a patria de todos os cacharros de colores!"- dixen eu para min.
Coas caras e membros salferidos de cincuenta manchas estaban aí sentados, os homes do presente, con gran sorpresa pola miña parte!
E rodeados de cincuenta espellos que afagaban e reflectían o voso xogo de cores!
Non poderiades levar, homes do presente, máscara máis adecuada que o vos propio rostro! Calquera vos recoñecería!
Cubertos dos signos do pasado, e aínda estes signos tisnados de novos signos - que ben puxestes o gabán de todos os intérpretes de signos!
Aínda cando os augures examinasen as vosas entranas, quen suporía que as tendes?
Os vosos veos son un catálogo recheo de todos os tempos e pobos; nos vosos acenos falan todos os credos e costumes.
Quen vos tirar os veos e mantos e cores e acenos, quedaría co xustiño para compór un espantallo.
Eu mesmo son un paxaro espantado que vos viu espidos e sen cores; e fuxín voando ao facerme o esquelete sinais de amor.
Preferiría andar ao xornal no reino das sombras do pasado!
Mesmo aí abaixo hai máis plenitude que entre vós!
O que me ten amargado é que non vos soporto nin espidos nin vestidos, oh, homes do presente!
Todo terror de futuro e todo canto unha vez axotou paxaros perdidos, é máis reconfortante e acolledor que a vosa "realidade"!
Pois dicides: " Somos reais cen por cento, sen fe nin superstición". Así vos enchiades de orgullo, sacando peito - Ai, sen peito!
Como poderiades crer vós os esborranchados! - Pinturas de todo canto unha vez foi creado!
Sodes refutacións andantes da mesmísima fe e derreadores de todos os pensamentos. Eu chámovos, señores reais, indignos de creto!
Todos os tempos rexoubaron uns contra outros no voso espírito; e os soños e necidades de todos os tempos foron máis reais ca vosa lucidez!
Sodes estériles; velaí por que non credes en nada. O creador sempre tivo tamén os seus soños - verdades e signos luminosos- e cría na fe!
Sodes porta entornadas onde agardan sepultureiros. E a vosa realidade é esta: "todo ten de perecer".
Ai, estades no puro óso, nin chisco de tallada vos cobre as costelas! E máis de un entre vós decatouse diso el soíño - e dixo: - "Tiraríame algo un deus mentres durmía? Abondo, por certo, para crear unha muller!
É sorprendente a pobreza das miñas costelas!" - isto manifestou xa máis de un de vós, os homes do presente.
Dádesme  risa, homes do presente! Sobre todo cando ficades apampados de vós mesmos!
E ai de min se non puidese rir do voso asombro e tiver que tragar a lavadura que enche o voso prato!
Prefiro tomarvos a broma, pois teño que levar unha pesada carga ; que importa que escaravellos e insectos pousen nela!
Non por iso resultará máis pesada! E non habedes ser vós, os homes do presente, causa da miña gran fatiga. 
Ai, onde está o cume que eu aínda poida gabear co meu anhelo? Dende todas as cimas ando á procura de patrias e nais terras.
En ningures dei cun fogar; ando sen rumbo por todas as cidades e saio por todas as portas.
Estraños e ridículos encontro os homes do presente aos que aí atrás me levou o desexo; estou desterrado de todas as patrias e nais terras.
É así que xa non amo máis que a terra dos meus fillos, a terra ignota, a perdida no mar máis lonxano, cara ela emproan teimudamente as miñas velas.
Nos meus fillos quero reparar o ser eu o fillo dos meus pais - e en todo futuro- este presente!

Así dixo Zaratustra



   FRIEDRICH NIETZSCHE:  Así falou Zaratustra, 2ª parte











Ningún comentario: