11/02/13

Maria Casares, unha galega en París





TEXTO DE PAUL ÉLUARD NA VOZ DE MARÍA CASARES



Caras amigas no lume
Caras amigas no frío
Oprimidas, aldraxadas,
abatidas, agochadas na escuridade.
Caras amigas fronte ao nada.
Pobres caras sacrificadas.
A súa morte será unha advertencia para todos.
A morte, un corazón derrotado.
Fixéronvos pagar o pan
coa vosa vida.
Fixéronvos pagar o céo,
a terra, a auga e o soño
coa vida.
Fixéronvos pagar pola miseria.
Xentís actores,
tan tristes e tan doces.
Actores nun drama perpetuo.
Vós non pensarades na morte.
O medo e a coraxe de vivir e morrer.
A morte, tan difícil e tan fácil.
As mulleres e os nenos
teñen o mesmo tesouro nos ollos
os homes deféndeno
como poden.
A xente de Guernica
é xentiña corrente.
Lémolo no xornal,
ante unha taza de café;
nalgures, en Europa,
un exército de asasinos marcha
contra a humanidade.
Nalgures, en Europa...
alén da fronteira.
As balas impactan no morto,
as balas andan entre os nenos
mellor ca o vento.
As mulleres e os nenos
teñen as mesmas rosas vermellas
nos ollos
cadaquén amosa o seu sangue.
Que estraño pensar
que tivemos medo do lóstrego,
medo do trono.
Que inxenuos eramos.
O trono é un anxo,
e o raio as súas ás.
Nunca baixamos a un refuxio,
por medo a plantarlle cara
ao horror da natureza.
Ataviados de cascos e botas
homes correctos e guapos
aviadores guindando as súas bombas
con sumo coidado.
Abaixo, en terra, o caos.
Sangue nos homes.
Sangue na besta.
Unha colleita tan repugnante
e noxenta que se comparamos
os carniceiros resultan puros e limpos.
Tenta controlar a besta
sentindo a morte inminente.
Tenta explicarlle a unha nai
a morte do fillo.
Tenta atopar consolo
na destrución.
Os refugallos da noite, da guerra,
irmá da miseria e filla da morte,
repugnante, espantosa.
Monumentos da desfeita.
Fermosas ruínas.
Minas e campos.
Irmáns, estades aí
transformados en prea
e cos ósos rotos.
A terra vira na súa órbita.
Vós podrecendo sós.
A morte interrompe
o benestar do tempo.
Agora déixante para os vérmes
e os corvos
cando eras a nosa maior esperanza.
Baixo a árbore morta de Guernica,
sobre as ruínas de Guernica,
baixo o céo puro de Guernica,
un home viviu cun año
que beaba nos seus brazos
e unha pomba no seu corazón.
Canta para todos os homes
o canto puro da rebelión e di
na opresión: un home está cantando.
As avespas foxen de présa
coa súa dor
cara o horizonte roto.
As abellas desta canción
fan o seu mel
no corazón do home.
Guernica, a inocencia
sobrevivirá ao crime,
Guernica







Guernica de Alain Resnais e Robert Hessens é unha proposta audiovisual que fusiona maxistralmente o cinema de autor, a poesía de Paul Éluard  e a obra plástica de Picasso. Pero hai aínda outro ingrediente que resulta unha grata sorpresa : o poema de Eluard está recitado e dramatizado na voz de María Casares.  

Natural de A Coruña, María Casares, foi quen de destacar como actriz dramática na escena francesa. Conseguiu traballar na representación de clásicos ingleses, franceses e gregos. Foi compañeira sentimental de Albert Camus  e nalgures lin que foi considerada musa do existencialismo parisino. 

Non sei que dicir, sempre coidei que a proxección internacional da muller galaica era La Bella Otero, pero non. Aquí están María Casares e Maruxa Mallo, poñendo o listón moi alto e non precisamente pola súa beleza física espectacular, senón pola súa intelixencia e sensibilidade.









Ningún comentario: