Retrato de Helene morenamente seda
seixo que na palma da man finxe arrefriar e vaina xeando ata queimala, anelo de Moebius, onde as palabras e os actos circulan solapados e de súpeto son cruz ou raia agora ou nunca; Helene Arp, Helene Brancussi, tantas veces Helene Hajdu co gume da dobre machada e un gusto a sílex no beixo, Helene arqueiro frechado, busto de Cómodo adolescente, Helene dama de Elche, doncel de Elche, fría astuta indiferente crueldade cortés de infanta entre suplicantes e ananos, Helene mariée mis à nu par ses célibataires même, Helene respiración de mármore, estrela de mar que ascende polo home durmido e sobre o corazón se chanta para sempre, lonxana e fría, perfectísima. Helene tigre que fora gato que fora novelo de lá. (A sombra de Helene é máis densa ca as outras e máis fría; quen pousa o pé nos seus argazos sente subir o veleno que o fará vivir para sempre no único delirio necesario.)
O diluvio é antes e despois de Helene; todo teléfono agarda alacrán xigante, a orde de Helene para romper o cable que o ataba ao tempo, gravar co seu aguillón de brasa o verdadeiro nome do amor na pel do que aínda agarda tomar o té con Helene, recibir a chamada de Helene.
3 comentarios:
A colaxe é un poema codificado polo azar
coa colaxe entramos no corazón lúdico dos indicios e dos signos
a colaxe penetra ata o fondo da conciencia e dos seres humanos e estimula e libera moitas das súas fermosas facultades...camiño da transformación do mundo
a obstinación na procura dos fulgores e dos signos actúa sobre o espírito á maneira dun estupefaciente.
Fonte: A colaxe ou a quintaesencia surrealista de Fernando Buen Abad Domínguez in poesíasalvaje.org
máis que un modelo para armar esta noveliña é un modelo para armala e ben armada.
Publicar un comentario