Arca do Barbanza |
HAI QUE MATAR A SUPERMÁN
O paxaro, o morcego multicolor, o miñato de pouta biónica
que ha beber os catro ventos do noso monte Sagro
onde cantaban os druídas o himno megalítico do pobo
e prendían a labarada popular con cerne de carballo milenario.
O paxaro terrible de ollo perpendicular no firmamento
que vai encher de bosta nuclear todos os cómaros do Iriote, da Curota e do Confurco.
O paxaro da morte vén voando, e temos que avisar a toda a xente!
Onde cantaba a fonte, onde libremente cantaba o paspallás
e a cotovía desfiaba cada serán a súa fita de música
onde o corvo fero e antigo ollaba como un patriarca desde o cume máis alto
onde o poldro salvaxe proclamaba a súa liberdade constitucional
apouséntase o gringo co seu aparello terrorífico.
Ai do Barbanza, amigo, de cervos fuxidíos e de lobos
que agora ouvearán nunha gaiola.
As pedras do altar da nosa patria serán agora o WC de luxo
do home de Minessotta primitivo no seu furor
bufando no seu búfalo interestelar e cantando
o seu cántico de anxo depravado-ou de animal depredador!
Temos que construír a catapulta tridimensional
ou a bandarria de cincocentas mil arroas-forza
para esmagarlle os collóns a Superman. E vén voando!
Están os símbolos antigos no fío da hecatombe,
pero no corazón da mocidade da miña patria
érguese agora un berro que xa nunca se poderá apagar
senón con sangue.
E temos que avisar a toda a xente!
É preciso a carraxe. Acumular furor e dinamita,
erguer o estadullo atávico que brúe no epicentro
para escorrentar a besta apocalíptica e atobala
cun pau de ferro atravesado nos riles
na súa plataforma unicelular de aceiro inoxidable
e que poidan brincar os nenos ledamente.
1980
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS: Nova crónica de Ulises in O tempo no espello, Edicións do Castro, Sada, 1982.
Este poemiña vai adicado ao goberno de Expaña, que alá polo ano 1980 puxo en marcha a base americana do Barbanza, no cumio da serra; un lugar cheo de asentamentos megalíticos polos que tanto o goberno autonómico como estatal amosan un absoluto desprezo. As instalacións son ben visibles desde calquera lugar da beira norte da Ría de Muros- Noia e sobresaen dúas cúpulas ás que Taramancos denomina os collóns de Supermán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario