que fas aí? |
SOÑO LÚCIDO
Contrariamente ao que teño por costume nas miñas prácticas cotiás, estou, sen saber moi ben como, nun zoo totalmente ilóxico. E como non me parece lóxico pagar por entrar nun sitio así, decido entrar sobrevoando coa miña nave e deixándoa pousar suavemente nun lugar discreto para que ninguén se decate que hai alguén de polizón, posiblemente soñando. Dou grazas por non ter tomado terra na fosa dos leóns, asegúroche que non sabería como facerlle entender que estou alí en misión oníricodiplomática e que nada podo facer por ceibalo do seu sicotrópico cautiverio. Así pois, unha vez camuflada entre a ramallada a miña nave, déixome levar polo instinto e, despois de saudar unha fermosa pantera negra que me olla con rancor e de estirar ben o pescozo sen éxito para ver se consigo dar co único exemplar de tigre de Bengala que hai no recinto, tópome diante dunha gran fosa onde viven paranoides o gran madril co seu harem e todas as crías. Elas -as mandrilas- semellan entretidas coidando a prole. Os mandriliños apenas son conscientes da súa tráxica situación e corren a perseguirse entre eles, poñendo bo coidado de non molestar ao gran macho que pasa de todo camuflado debaixo das ramas baixas da única árbore á que acollerse. Non me parece de recibo marchar de alí sen presentarlle como é debido os meus respetos, fuxida como estou de outro gran zoo, aínda que só sexa soñando. Así é que me poño polo labor de chamar como sexa a súa atención, aínda que sexa pegando alaridos de mona patética. Non fai falta. Empezo a asubiarlle aleatoriamente e ....nada! Decido entón pautar os meus asubíos, establecer unha frecuencia repetitiva que o gran macaco poida asociar cunha intencionalidade. Se algo se demostrou algunha vez é, sen dúbida, a capacidade dos primates para captar sinais significativos. Estou así un bo cacho, probando diferentes "melodías". Fágolle señas cos brazos, póñolle caretos, ensínolle os dentes, móvome ao tolo para que me diferencie ben entre o resto dos observadores... ( a min tamén me observan, pero como non son de aquí e ademáis estou soñando, non me importa) e por fin, chas! localízame cos ollos. Abandona o seu agocho lentamente, e aproxímase en liña quebrada como quen non quere a cousa, pero notáse que está intrigado. Vén ao pé do muro e senta e olla para a dereita, para a esquerda, para atrás, para adiante e, por fin, para arriba. Os nosos ollos atópanse, é lexendario o ouro do brillo dos iris mandrílicos. Conseguido o obxectivo non sei moi ben que dicirlle, creo que algo parecido a... que? que fas aí? sube, que nos vamos!...pero semella que non me entende e queda alí pensativo agarrando os xeonllos coas mans, cruzando os pés e ollando con desvío anoxado aquel fragmento de realidade a tanto a entrada. Moi desencantada decido abandonar o soño por inoperante e carente de suficiente impacto psicotrónico.
A foto non sei de onde demo saiu, cando quedei a durmir a memoria da cámara estaba completa e non teño tarxeta de reposto.
adeus, mandril, adeus!
10 comentarios:
Texto ladrillazo, refírome a compacto e todo dun tirón. Hai que poñerlle ansia para dar conta del!
Si, señor. Un bo ladrillo en prosaonírica. É incrible o que unha pode chegar a estar soñando ás veces. E mira que detesto os zoos!
Estou intrigadísimo por saber que demo tiñas pensado facer co animal no caso de que se decidise a pegar o gran chimpo e saír do foxo
Non teño nin a máis remota idea. Estas cousas non funcionan planificadas. Dado o caso, xa veriamos sobre a marcha. Digamos que o quid da cuestión é saltar a barreira entre as falsas liñas paralelas da realidade e do soño, o punto de converxencia seguro que aparece só.
Ben, por se acaso non dás con tal converxencia vai tomando terra e abrindo ben os ollos. Temos unha morea de material novo. Visitei unha exposición única con traballos, apuntamentos e maquinaria de Val del Omar. Queres crer que puiden ver de novo o Tríptico elemental de España?
De veras? conta, conta! Pero...Orola! ti por aquí! De onde demo saes? Pensei que aínda andabas apañando moras!
Moras? nada, non queda nada. Está todo mollado e o que hai xa non vale.
Ben, pois como che dicía, revisionei o tríptico presentado dunha maneira incrible. Tres salas diferentes: a primeira e a terceira, adicadas a Galiza e Granada, totalmente brancas. A segunda, O Páramo do espanto, toda negra. A imaxe a tamaño pantalla de cine. No caso de Granada, a imaxe nalgúns momentos excedía a pantalla e cubría toda a sala. Que espectáculo!
Que boa idea, xogar con fondos brancos e negros para este traballo tan cargado en tintes. Moi significativo.
Pois si, ademáis había unha sala con moitas colaxes feitas por Val del Omar, con textos e imaxes a propósito dos seus inventos e ideas sobre o cine, a literatura, o idioma...Tirei fotos. O traballo deste home non está suficientemente divulgado e para nós é un honor. Tamén puiden ver pequenos fotogramas e truquiños que inventaba para compoñer imaxes insólitas. Un regalo.
Estupendo, Orola, grazas. Hoxe estamos de celebración na casa e todo isto que nos comentas é un auténtico agasallo. Temos unha gran torta de postre, así que non deixes de aparecer. É da selva negra!
Publicar un comentario