26/10/11

O GRAN XOGO / Benjamín Péret




MEMORIAS DE BENXAMÍN PERET

Un oso comía seos
Comido o sofá o oso cuspiu os seos
Dos seos saiu unha vaca
A vaca mexou nos gatos
os gatos fixeron unha escaleira
A vaca gabeou pola escaleira
Os gatos gabearon pola escaleira
Arriba a escaleira rompeu
A escaleira volveuse un carteiro gordo
A vaca caeu na sala de xustiza
Os gatos cantaron a Madelón
e o resto formou un diario para señoriñas preñadas.

BENXAMÍN PERET: O gran xogo, 1928



O (A) CÉLEBRE CABALEIRO (A)

Galiña e galiña
velaquí a redoma
que sorrí pensando en Horacio

Oh, rapaza de pita
oh, pés de algodón
terás a vida safa
pois fáltache
un novo sexo para seres honesta
un pelo para seres bela

Unha pedra
e pensarei en ti
Unha viaxe
e serei o imbécil que ti sabes
Polo menos riremos abondo.

ibidem




A SEMANA PÁLIDA

Loira loira
era a muller que desapareceu entre os adoquíns
tan leves que mesmo parecían follas
tan grandes que se podería dicir que eran casas

Era lembroo ben un luns
día en que o xabrón fai chorar os astrónomos

O martes volvina ver
semellante a un xornal despregado
aboiando ao vento do Olimpo
Despois dun sorriso que fumegou como unha lámpada
saudou a súa irmá a fonte
e foi de volta ao seu castelo

O mércores espida pálida e cinxida de rosas
pasou como un pano
sen ollar as sombras dos seus semellantes
que se espreguizaban coma o mar

O xoves non vin máis que os seus ollos
signos sempre abertos para todas as catástrofes
Un desapareceu detrás dalgún cerebro
o outro enguliuno unha pastilla de xabrón

O venres cando se ama
é o día dos desexos
Pero ela alonxouse berrando
Tilburí tilburí a miña frauta extraviouse
Vaina procurar baixo a neve ou no mar

O sábado agardeina cunha raíz na man
disposto a queimar no seu honor
os astros e a noite que dela me afastaba
pero ela extraviárase como a frauta
como un día sen amor

E agardei o domingo
mais o domingo non chegou
e fiquei no fondo da cheminea
como unha árbore perdida.

ibidem








VACAS SOMBRIZAS

Campesiño campesiño lava os pés
campesiño campesiño moxe as túas vacas
no copón do cura
Cos seus cornos farás cristos
coas súas pezuñas pías de auga bendita

Campesiño campesiño moxe as túas vacas co pé
o teu pé lixado coma un cristo
e o teu leite irá ás montañas
remprazar as neves

Campesiño campesiño as túas vacas están podres
o seu sagrado corazón non é máis ca unha bosta
que peteiran os pardais

Campesiño campesiño as túas vacas comen o cura
Campesiño campesiño as túas vacas están na igrexa
e moxen no confesionario
pacen nas túnicas dos beatos
e soben ata o púlpito

A que está preñada pare ante o altar
e velaquí o novo fillo de deus que chora

Campesiño campesiño as túas vacas están na súa casa.

ibidem




XIXX

Espectáculo variado
A fonte do Santo Anxo
esgotada por un caniche
O caniche engordou engordou engordou engordou
e vestiuse de cores claras
Púxoselle de nome Adán
Posto que Adán existe
digamos que era calvo
e levaba un ollo azul
como monóculo
Pero sobre a fonte esgotada
durmiu un xeneral máis alto que vello
Púxoselle de nome Bernadette
Fumaba fumaba
e gustábanlle os castelos sen ventás
Oh lá lá


ibidem





1 comentario:

orola dixo...

Que bo, Benxamín Péret, que sentidazo do humor, que maneira de trastocalo todo. Anticlerical e diviño.