31/12/12

C. E. FERREIRO: Don Oppas



Don Oppas

Bandullo carcamal, latrina opaca,
cirio de pus, hisope de sandeces,
gorila solideu, mexo de preces,
astete de bostal, bula bellaca.

Tendeiro de indulxencias e perdóns
nazi talar, verdugo tonsurado,
legaña teologal, sermón sobado,
santeiro de beatas e ladróns.

Hostiario vil, celeste celestino,
taimado gabián, frade ladino,
dique pra a fe, pra a hipocresía estanco.

Mesoneiro a xornal da oligarquía,
aparceiro servil da tiranía,
que a Cristo hipotecaches por un franco.

CELSO EMILIO FERREIRO: Cantigas de escarnio e maldicir, 1968